| RETRASO NA IDADE DE XUBILACIÓN
Estando, como estamos, inmersos nunha crise económica á
que non se lle ve saída, cunha taxa de desemprego dun 18,83%
-o que corresponde a 4.326.500 persoas paradas-, ao goberno do Estado
ocorréuselle a infeliz idea de aumentar a idade de xubilación
dos 65 aos 67 anos. Transcorrida unha semana da proposta e tras coñecer
a resposta crítica dos axentes sociais, como non podía
ser doutro xeito, o goberno matízaa dicindo que é unha
proposta aberta e negociable no ámbito do pacto de Toledo e cos
axentes sociais.
A razón que presenta o goberno é que quere facer viable
o mantemento das pensións no medio prazo xa que, argumenta, é
excesivo o crecemento da porcentaxe do PIB gastado en pensións,
e que a proporción de persoas que cotizan á seguridade
social en relación ás persoas que reciben unha pensión
está sendo cada vez menor e isto vai levarnos ao colapso do sistema.
O STEG amósase en contra da proposta do goberno por moitas razóns,
algunhas delas son:
Sabendo que hai diferenzas en lonxevidade debidas á pertenza
a una clase social ou outra (en España é de dez anos),
é inxusto pedirlle a unha persoa traballadora non cualificada
que continúe traballando dous anos máis para pagar as
pensións dunha persoa de clase social alta, que lle sobrevivirá
dez anos.
É certo que a porcentaxe do PIB dedicada a pensións subirá,
pero non é menos certo que o crecemento da produtividade tamén
o fará. Hai 50 anos, dedicábase un 3% do PIB e hoxe dedícase
un 8% e a sociedade ten moitos máis fondos para os non pensionistas
dos que había entonces.
A clave para o financiamento das pensións a base de cotizacións
sociais (como é o noso caso) non é o número de
xente nova e adulta por ancián, senón o número
de cotizantes e a cantidade de cada cotización por beneficiario.
Tanto o primeiro (pola incorporación da muller ao mercado de
traballo) coma o segundo, están aumentando. E aínda aumentaría
máis se se fixeran políticas de axuda ás familias
para que crecera a natalidade sen menoscabo do mantemento do traballo
das mulleres.
Non nos falta man de obra, para querer alongar a vida laboral máis
aló dos 65 anos. Ese retraso da xubilación forzará
a traballar en postos de certa demanda física a persoas cuxas
limitacións, propias da idade, poden levar un aumento dos riscos
laborais.
O posible retraso da idade de xubilación impedirá o acceso
ao mundo laboral das persoas máis novas, xa castigadas duramente
pola falta de traballo.
Malia estas razóns, poden realizarse cambios nas pensións,
distintos ao retraso destas.
As pensións son demasiado baixas, como consecuencia de que os
salarios son demasiado baixos.
Podería flexibilizarse a idade de xubilación, permitindo
ás persoas que quixeran facelo máis tarde, puideran facelo.
A xubilación debería ser un dereito e non unha obriga.
Debería prohibirse a prexubilación, utilizada polo mundo
empresarial para realizar cambios nos seus cadros de persoal.
Loitar máis eficazmente contra a economía mergullada e
o fraude fiscal.
Por último, o Estado debería aumentar a súa achega
ás pensións, tal e como se fai noutros países (Dinamarca),
no que as achegas procedentes dos impostos xerais son moito máis
intensas que en España. As pensións poden pagarse, por
esta vía, ademais de polas cotizacións sociais.
O STEG oponse radicalmente a esta proposta que, de
ir adinte, xustificará calquera mobilización en contra
do que será un recorte de dereitos sociolaboborais que tantos
anos de traballo e loita obreira custou conseguir.
Documento pdf
para imprimir
Secretariado Nacional do STEG
febreiro 2010 |