| OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO
2010
A oferta de emprego público presentada hoxe na mesa sectorial,
non para a súa negociación, senón para a súa
asunción, é cualificada polo STEG de exigua, ademais de
criticar as formas que utiliza a Administración para dala a coñecer.
Os medios de comunicación xa avanzaron, a fin de semana pasada,
os datos dunha OEP que, casualmente, coinciden coa formulada hoxe, na
mesa de negociación, pola Administración. Non é
de recibo que a coñezan antes os medios que os e as representantes
do profesorado nin que o número global de prazas ofertadas non
poidan ser modificadas (permítense achegas para variar prazas,
dentro do mesmo cómputo global, nas próximas 48 horas)
nin que a dean a coñecer, na páxina web da consellaría,
no mesmo momento en que as OOSS nos sentamos á mesa para “negocialas”.
O STEG a isto non o chama negociación, senón imposición.
Sendo, como é, unha prioridade deste momento económico
no que nos atopamos, a creación de emprego, esta Administración
non o crea no número que, entendemos, debería. Para o
corpo de mestres, créanse 558 prazas e houbo arredor de 380 xubilacións.
Deberían saír moitas máis prazas se este goberno,
como aduce noutras ocasións, quere cumprir co seu programa electoral
(redución da ratio en infantil até os 15 alumnos/as por
aula). Non se necesitará máis profesorado para tal finalidade?
Para o corpo de Secundaria e FP, a oferta tamén é moi
reducida, tendo en conta que o curso pasado non houbo oferta para estes
colectivos. En secundaria houbo arredor de 160 xubilacións e
a oferta é de 212 prazas (practicamente non hai emprego de nova
creación).
Unha maior oferta de emprego sería necesaria para mellorar
a calidade do ensino público (baixada de ratios, atención
á diversidade, desdobres...) e para a creación de novos
centros educativos públicos, reducindo paulatinamente os concertos
educativos.
Ademais segue sen ir acompañada dun proceso de estabilidade
para o profesorado interino polo que se converterá nunha
oferta de substitución e non nunha verdadeira oferta que aumente
os cadros de persoal. A oferta seguirá a provocar que numeroso
profesorado con moitos aos de servizo prestado, como vén acontecendo
estes anos, perda o seu posto de traballo. Por este motivo é
imprescindíbel que toda oferta de emprego vaia acompañada
dun proceso de estabilidade que garanta o posto de traballo a este colectivo.
Documento
en pdf para imprimir
Secretariado Nacional do STEG
febreiro 2010 |