Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

 

Nesta data do 25N, Dia Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, as organizacións que convocamos esta concentración, recordamos o papel fundamental que a escola ten na construción dunha sociedade que loite contra todos os mecanismos que manteñen a violencia contra as mulleres. Especialmente importante é a responsabilidade que ten a escola de deslexitimar a violencia simbólica que se exerce desde todos os ámbitos da sociedade.

Unha escola que segrega por sexos non garante o fomento e o desenvolvemento efectivo da igualdade de dereitos entre homes e mulleres nin contribúe á cohesión social nin a igualdade de oportunidades entre persoas de distinto sexo; é, xa que logo, unha escola que debe ser rexeitada polo conxunto da sociedade, e que de ningún xeito pode estar sustentada cos cartos de todas e todos nós.
Un ensino mixto é o mellor contexto para previr os prexuízos e os estereotipos sexistas que supoñan unha discriminación entre homes e mulleres, e para previr a violencia de xénero.

Non nos sorprende nada o emprego por parte desta Consellaría, unha vez máis, da idea da liberdade de nais e pais para xustificar prácticas de discriminación que conculcan os dereitos de nenas e nenos. Trátese do dereito a educarse na lingua do pais, ou do dereito á coeducación, recoñecerlle ás familias a capacidade de decidir pola opción da discriminación, supón unha inhibición das obrigas do goberno de velar pola protección dos dereitos dos e das menores.

Por iso demandamos a eliminación dos concertos educativos cos centros que segregan por sexos, e que eses cartos das galegas e dos galegos se destinen á prevención da violencia contra as mulleres na nosa sociedade.

Galiza, a 25 de novembro de 2009