Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

 

CONCERTOS EDUCATIVOS

AS PRESIÓNS DO STEG TIVERON A SÚA RECOMPENSA: A   RESOLUCIÓN DA ORDE DOS CONCERTOS RETIRA A SUBVENCIÓN AOS CENTROS QUE SEGREGAN AO ALUMNADO POR SEXO

Esixiremos á nova Consellería o mantemento da retirada destes concertos.

A Consellería de educación saínte ven de publicar hoxe a resolución para a renovación, modificación ou subscricións dos concertos educativos. O máis destacábel é a retirada dos concertos aos 5 centros educativos que discriminaban ao alumnado por razón de sexo. Na nova Orde incluíase a lexislación actual ( LOE, Decreto e Orde de Admisión de alumnado) no referente a non discriminación por razón de sexo.  O Decreto de admisión de alumnado de marzo de 2007 no artigo 2º.4 se di claramente que “en ningún caso haberá  discriminación na admisión do alumnado por cuestión de sexo...”tal e como aparece na LOE no seu artigo 84.3.

No seu artigo 7  a Orde de concertos recolle que a Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa, á vista das propostas, procederá a dar trámite de audiencia cos que non se é coincidente coa súa solicitude para que poidan presentar as alegacións que consideren oportunas nun prazo de dez días. Logo das valoracións das alegacións o titular da Dirección Xeral formularalle ao titular da Consellería a proposta definitiva de resolución tendo seis meses a partir do seguinte día á publicación da Orde de Concertos (desde o 22 de xaneiro de 2009) para resolver.

Desde o STEG queremos felicitar ao equipo da Consellería saínte por acatar a lei e cumprir a súa promesa, máis preocúpanos que a resolución definitiva a vaia facer o titular da nova Consellería da cal non temos un pronunciamento claro neste sentido. O STEG esixirá  ao novo titular que cumpra a lei e continúe co camiño, iniciado pola anterior Administración, de eliminar o desvío (despilfarro) de cartos públicos (máis de 3.000.000 euros), para estes colexios contrarios ao espírito da coeducación. Neste sentido contará co noso apoio se cumpre a lei, máis atopará a nosa radical oposición, tal e como fixemos na anterior lexislatura, se hai un paso atrás.

É obvio que as mobilizacións e presións realizadas polo STEG ( denuncia xudicial, concentracións, campaña de sinaturas, entrevistas cos grupos parlamentares,...) tiveron a súa recompensa e xa que logo, velaremos polo mantemento do conseguido.

Tamén continuaremos co noso traballo en favor da escola pública e pola eliminación de todo tipo de concerto educativo na medida en que supoñen un desvío de cartos públicos para o sector privado e unha concepción clasista do ensino.

Galiza a 21 de abril de 2009

Secretariado Nacional do STEG