Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

INICIO CURSO 08-O9 EN FP
Novo curso, mesmos problemas que en anos anteriores.

Co comezo do novo curso volvemos a atopar os mesmos problemas que xa arrastramos dende hai anos.
Parécenos que a oferta educativa de Formación Profesional é insuficiente.
Un gran número de profesorado interino quedou sen traballo á espera de poder facer algunha substitución.
Sabemos que hai moito alumnado, sobre todo nas vilas, que non pode cursar os estudios de formación profesional que tiña pensado, por culpa dunha mala planificación e unha escasa oferta de ciclos formativos.
Fronte a esta situación, seguen a existir os concertos, as aulas dos centros públicos vanse baleirando progresivamente de alumnado, xa que a este lle resultan máis atractivos os cursos nas empresas coa esperanza de quedar contratado nas mesmas, cousa que raramente ocorre.
Nos últimos anos concertáronse en moitos centros, estes concertos, a día de hoxe non teñen razón de ser e polo tanto non deberían de existir, e moito menos na FP xa que é un ensino postobrigatorio.
Esta claro, que manter estes concertos supón un esforzo económico importante. ¿Por qué razón non se concentran os esforzos para investir cartos Públicos en Ensino Público?.
O II congreso de FP celebrado en Santiago de Compostela a finais do pasado novembro tiña como título: II Congreso Internacional de Formación, Orientación e Competencia. Converxencia con Europa no 2010. Neste congreso falouse de retos da formación profesional, de modelos europeos, de orientación profesional e de innovación, todo encamiñado a conseguir unha formación profesional de calidade.
Se suprimimos ciclos, suprimimos profesorado, impedimos os desdobramentos en módulos esencialmente prácticos, investimos cartos públicos en ensinos concertados, poñemos trabas para que os alumnos non poidan estudar o que en realidade queren ou lles gusta. ¿Onde está a calidade?.
Outra cuestión tamén de sobra coñecida e a das famosas afíns. Este ano como os anteriores atopámonos con adxudicacións que non contribúen a calidade do ensino. Podemos citar varios exemplos:

  • Administración de Empresas con afíns Xeografía e Historia e Formación e Orientación Laboral
  • Formación e Orientación Laboral con afín Matemáticas e Física e Química
  • Formación e Orientación Laboral con afín Filosofía
  • Hostalería e Turismo con Afíns Economía e Formación e Orientación Laboral
  • Procesos de Produción Agraria con afíns Matemáticas, Física e Química e Bioloxía.

Poderíamos citar moitos máis casos pero volvemos a preguntarnos, ¿Isto é Calidade de Ensino?.

Nos perfís de vacantes na especialidade  de Procedementos Sanitarios, a administración non distinguía claramente entre as especialidades Procesos Sanitarios (PES) e Procedementos Sanitarios (PTFP). Neste caso ante as protestas recibidas desde os sindicatos a Consellería actuou como era debido e variou os perfís antes da adxudicación definitiva de destinos.

En xeral, e para concluír, atopámonos cos mesmos problemas de todos os anos no comezo do curso, co efecto engadido que supón o sistema de acceso transitorio á función docente: formación de persoas en paro para obter baremo, tribunais con moi distintos criterios de avaliación dentro dunha mesma especialidade, recursos sobre as oposicións, etc.


Secretariado Nacional do STEG
30 setembro 2008