Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

FEIJÓO COMEZA A PAGAR O TRIBUTO A GALICIA BILINGÜE.

Para o STEG a circular que se enviará para a elección de lingua é un erro pedagóxico que incumpre a legalidade


Aínda coa cautela de non coñecer o texto da circular que se enviará aos centros, desde o STEG queremos mostrar o noso rexeitamento a unha medida contraria para conseguir unha formación educativa de calidade.


Todos os estudos sociolingüísticos están a recoñecer a falla de competencia lingüística en galego por parte do alumnado. Neste sentido resulta obvio que a medida do Presidente da Xunta de permitir que o alumnado e o profesorado elixa a lingua diminuirá a calidade do ensino galego e fará que o noso alumnado sexa menos competente lingüisticamente. Este argumento podería ser empregado para as aulas de lingua estranxeira polo que cando o profesorado decida o uso oral da lingua estranxeira na clase o alumnado poderá invocar  a liberdade de elección e mesmo a constitución para non cumprir cunha medida fundamental para o aprendizaxe das linguas.


Polo dito, para o STEG, é rexeitábel a medida desde o punto de vista pedagóxico e ademais contraria á lexislación vixente. O Decreto actual é claro ao respecto polo que mentres exista esa norma a circular non se axusta á legalidade vixente.


Non é moi propio dun Presidente que incumpra a lexislación e que cando fala de educación só se preocupa por facer declaracións ou actuacións contrarias ao galego. Desde o STEG demandamos ao Presidente que escoite aos “técnicos” en sociolingüística e que tome as medidas que eles aconsellan para potenciar a nosa lingua. Se prometeu un goberno eficaz que escoite aos “técnicos” en educación e que comece a tomar medidas para un ensino de calidade e non para todo o contrario.

 

 

Secretariado Nacional do STEG
Galiza 29 de abril do 2009