A CONSELLERÍA
INCUMPRE O ACORDADO NA MESA SECTORIAL
A Consellería minte
e desdícese do acordado na Mesa Sectorial do pasado 22 de xuño
na que se chegara a un Acordo satisfactorio en materia de agrupamentos.
O Acordo dedicido o 22 de xuño
ía asinarse hoxe (6 de xullo). A posible sinatura do acordo
adíase ao venres 10 de xullo.
O STEG felicitárase do Acordo ao que chegara
o pasado 22 de xuño coa Consellería en materia de agrupamentos,
pois era moi bo para o ensino público en xeral e para a escola
rural en particular. A sorpresa chegou no día de hoxe (6 de
xullo), data prevista do Acordo pola Consellería e as forzas
que o pactáramos (STEG, CCOO, UXT e ANPE). A Consellería,
que de novo deu mostras de incompentencia á hora de realizar
as tarefas que se derivan dos Acordos que subscribe, sorprendeunos
cun texto que non se axustaba ao pactado: pretendían que o
Acordo se limitase aos centros afectados por supresións.
Ao STEG a proposta seméllalle inaceptable e incomprensible,
o motivo fundamental é que consideramos que o Acordo é
de aplicación xeral para todos os centros incompletos de Galiza.
O STEG entende que os criterios deben de ser de aplicación
universal tal e como pactáramos coa Consellería.
Velaí a razón pola que non aceptamos o texto que nos
presentaron para asinar hoxe ningunha das forzas sindicais que o pactáramos.
Tampouco aceptamos as razóns dadas: se a Consellería
tiña que ter realizado os seus deberes en tempo e forma e acudir
á Mesa Sectorial sabendo os recursos dos que dispón
para pactar acordos que logo vai incumprir por falta dos recursos
necesarios para a súa aplicación. Isto só ten
un nome: incompetencia e ineficacia.
Ademais, o STEG aprendeu unha lección para toda a lexislatura:
nunca sairemos dunha xuntanza ou Mesa Sectorial na que se acorde algo
sen ter subscrito un preacordo coas partes asinantes. Esta Consellería
demostrounos que non ten palabra.
Debido á actitude que adoptamos os sindicatos que chegáramos
ao Acordo do pasado 22 de xuño, a Consellería comprometeuse
a levar un novo texto, para someter a nosa aprobación e sinatura.
O STEG actuará, coma sempre, en defensa do ensino público.