Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

A VOLTAS COA CIDADANÍA II

O STEG celebra que se impuxera o sentido común coa sentenza do Tribunal Supremo sobre Educación para a cidadanía.

A pesares de saúdar a sentenza o STEG segue a apostar pola transversalidade para o ensino destes valores universais e non reducilos a unha materia.Agardaremos ao estudo da sentenza da nosa asesoría xurídica para facer unha valoración máis precisa.          

A polémica sobre a materia de Educación para a Cidadanía continúa a producir material mediático e a asentar na sociedade a idea de que estamos perante unha grande baza política do goberno central. Isto é: para quen se sinte próximo ás políticas do Goberno central este xa é outro grande trunfo; para quen combate as devanditas políticas, (véxase o caso valenciano), imponse a necesidade de frear os “éxitos” do zapaterismo, aínda que sexa a base de boicots, escaladas xurídicas ou obxeccións. De novo esta materia é cualificada a xuízo da Conferencia Episcopal como “formación estatal obrigatoria das conciencias”, ao tempo que defende a todos aqueles centros católicos que apostan pola obxección á materia. Simultaneamente asistimos a situacións tan surrealistas como as que se están a levar a cabo no País Valenciano, onde o boicot á materia vén imposto desde a propia administración autonómica, que obriga a impartila en inglés, e que pon aos inspectores a fiscalizar as disidencias e protestas, relembrándonos aquí aqueles tempos do Prestige  e do intento de amordazar os centros  e os de  “NON Á GUERRA”, obxectivo de etapa na ESO para as CCSS. Así mesmo, a campaña de obxeccións chegou tamén ao ensino galego, fraca de forzas pero suficientemente rechamante como para encher unhas cantas páxinas dos medios.

            Toda esta polémica non fixo desde os seus comezos máis que ocultar o que de verdade hai de fondo, dúas cousas fundamentalmente.

            A primeira: permitiuse que nun estado aconfesional se siga a impartir, con preferencia e avantaxe, a relixión católica dentro do sistema educativo e do horario académico escolar, coa conseguinte discriminación do alumnado que non opta pola tal relixión e por suposto daqueloutro que non opta por ningunha delas. Mais a xerarquía eclesiástica non está satisfeita e tacha de anticonstitucional tanto a materia de Cidadanía como o seu contido, engadindo que é contraria á doutrina social da Igrexa, doutrina esta que impediría que se abordasen nos centros educativos avances en ciencia tales como a evolución das especies ou a investigación con células nai, ou avances sociais como o dereito ao aborto, o matrimonio homosexual, etc. En contrapartida, atopámonos con libros de texto de relixión católica que darían pola súa banda a medida de anticonstitucionais por faltar ao respecto aos dereitos constitucionais e á lexislación vixente.

            O STEG, neste sentido, esixe respecto para o profesorado que agora ten que impartir a materia de Cidadanía e que non fai máis que cumprir coa súa función de educar e ensinar, non de adoutrinar. Función que, de resto, exercía xa en todas as demais materias e antes de que os bispos matinasen no expostos que están os seus crentes á “mensaxe estatal”.

            A segunda: suprimiuse a transversalidade e a educación en valores do sistema educativo, acabando así con unha innovadora aposta da anterior lei, a LOXSE, aposta na que, coma outras, ningún goberno PSOE de cantos houbo acreditou. Toda a flamante novidade da Cidadanía se reduce a ampliar unha sesión de clase en 2º de ESO. Explicarémonos: dado que se utiliza a Ética de 4º (agora Ética Cívica) e a Filosofía de 1º de Bac (agora Filosofía e Cidadanía), mermada incluso esta en 1 das 3 horas semanais das que dispuña, amortizándose así 1 das 2 novas horas (estas si) de Educación para a Cidadanía de 2º de ESO, chegamos ao saldo final de 1 única nova sesión en todo o sistema educativo non universitario, pois a nova Cidadanía de 6º de Primaria tamén figuraba xa no fundamental no antigo currículo de Ciencias Sociais, que agora lle cede tamén parte do seu tempo á “nova” materia. Así pois, esta “aportación” que vai quedar nos anais da historia contemporánea española tivo custe cero para os gobernos que a implantaron, á par que unha máxima rendibilidade pública. Ben ao contrario, para o sistema educativo tivo un custe moi alto: aumentou o número de materias-maría, reduciu a Filosofía á mínima incidencia escolar, exonerou de educar en valores a todas as demais disciplinas académicas e ao propio contexto educativo, compartimentou aínda máis a educación obrigatoria, reducindo proporcionalmente as capacidades holísticas e de interpretación do mundo dun alumnado que deberá de seguir estudos para chegar algún día a descubrir o que significan todos eses conceptos memorizados na Obrigatoria.

            O STEG defende un corpo docente que segue a ser maltratado profesionalmente, que se pretende usar como gardián de menores, ninguneando as súas capacidades pedagóxicas e didácticas e utilizándoo tanto para un roto como para un descosido.

            O STEG, ademais, seguirá implicado na campaña por un ensino público e laico, sen relixión, xunto a numerosas organizacións sociais que defendemos o obxectivo de conseguir unha escola respectuosa coa defensa da democracia, da paz e da tolerancia.

 

Ligazóns artigos anteriores:

 


Secretariado Nacional do STEG
Galiza a 30 de xaneiro de 2009