Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

SUPRESIÓN UNIDADES NO RURAL

A mesa sectorial do día 26 tiña por orde do día a negociación dos borradores dos decretos de currículos de 6 novos títulos de formación profesional de ciclos medios e de 8 de ciclos superiores.
         As OOSS que temos representatividade na mesa acordamos, de forma conxunta, e nun punto previo á orde do día, solicitar á Administración as seguintes propostas:

  • Retirada da circular de instrucións enviada á inspección.
  • Negociación dos criterios a aplicar partindo das instrucións do ano 2003, que deberán ser melloradas, xa que recollen criterios do número máximo de alumnado que se pode agrupar de diferente curso e nivel pero non recollen as casuísticas de alumnado con n.e.e, repetidor, criterios pedagóxicos dos centros e tratamento nas xuntas de persoal.

         Ante estas propostas o director xeral de centros e recursos humanos (DXCeRRHH) dixo o seguinte:

    • Que a circular non foi enviada aos centros.
    • Que foi enviada á inspección coa intención de coñecer os datos do número de alumnos e alumnas para logo tratar eses datos e negocialos cos sindicatos na mesa.
    • Que era unha circular de traballo interna da consellería.
    • Que os criterios de agrupamentos tanto multinivel como multiciclo eran distintos nas diferentes provincias galegas e pretendían homoxeneizalos.

         Ante estas respostas argumentamos que se a finalidade era esa, as interpretacións que fixemos, tanto os e as representantes sindicais, a inspección educativa e as persoas dos centros que puideron ler a citada circular, non eran precisamente as que tiña en mente a consellería e que se esa circular, do xeito que estaba redactada, daba lugar a equívoco. Que na realidade xa se estaban trasladando as instrucións aos centros educativos por parte da inspección educativa. Instouse á retirada da mesma e que se enviase outra clarexando a intención que nos estaba declarando a consellería co envío da circular.
         A resposta volveu a ser a mesma, admitindo que puido facerse un uso “indebido” da idea que tiña en mente a consellería e que podería ter sido mal entendida por parte da inspección.
         Todos e todas as representantes sindicais decidimos abandonar a mesa, ante a insistencia da administración en argumentar que a súa intención era, pura e simplemente coñecer datos, e non sentarnos a negociar ata que sexa retirada a circular.
         Segundo os datos dos que dispoñemos, na provincia de Lugo habería unha redución de arredor de 65 unidades, o que afectaría a uns 100 mestres e mestras. Na de Ourense habería afectados uns 80 mestres e mestras e arredor de 50 unidades entre infantil e primaria.
         O STEG mobilizarase en contra das medidas que se propoñen nesta circular, xa que o que se pretende a través dela é o desmantelamento do ensino no rural afectando, tanto ás condicións sociolaborais do profesorado como ao alumnado e ás familias insertas nel.
         A continuación reproducimos a circular e emprazamos a todo o profesorado a ver se é capaz de darlle a “interpretación que a consellería tiña na súa mente”.

circular supresión unidades

 

Secretariado Nacional do STEG

Galiza 27 de maio de 2009