Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

Ofensiva da consellería contra o ensino público: a circular enviada aos centros suporía unha redución aproximada de máis de 200 unidades de infantil e primaria
Só na provincia de Lugo desaparecerían unhas 60 unidades de educación infantil e educación primaria

 

Desde o STEG (SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA) iniciamos unha campaña informativa nos centros para coñecer o verdadeiro alcance no ensino público galego que tería a circular da Consellaría de Educación sobre os criterios que deben rexer nos agrupamentos do alumnado para o vindeiro curso.

En dita circular, como xa explicamos en anteriores comunicados, dise que hai que agrupar nun único grupo a todo o  alumnado dun ciclo cando o nº total non sexa superior a 20. A medida afecta tanto a Infantil como a Primaria. Así mesmo agruparase nunha única unidade ao alumnado de distintos ciclos cando o seu número non sexa superior a 15.

Cos datos que temos podemos asegurar que o número de unidades que desaparecerían serían, só na Provincia de Lugo ( na que contamos con todos os datos), de 60 aproximadamente polo que facendo unha extrapolación podemos estra a falar de mías de 200 en toda Galiza ( este dato é aproximado xa que non contamos con todos os datos das demais provincias).
Aproveitamos para lembrar as consecuencias desta medida:

  1. Redución de unidades especialmente no rural polo que Lugo e Ourense serían os territorios máis afectados.
  2. Consecuentemente haberá redución do profesorado ( especialmente no colectivo de interinos e substitutos quedarán no paro).
  3. Diminución da calidade do ensino (especialmente no rural) ao aumentar a ratio actual ( ex. Agora o/a profesor/a atende a 10 crianzas e pasará a 20 e de distinto ciclos. Ademais non se prevé ningún plan de formación do profesorado para esta nova situación.
  4. Numeroso profesorado con destino definitivo perderá o seu destino e verase obrigado a concursar a outro lugar coas implicacións que terá esta situación na vida familiar das persoas.

 

Desde o STEG facemos un chamamento a toda a comunidade educativa para que se opoña a esta medida economicista e contraria á calidade do ensino público. Anunciamos que este luns 25 e distintas provincias hai reunións coa inspección para abordar este tema. Tamén o martes 26 de maio na mesa sectorial o STEG demandará a retirada desta circular e lembraralle á nova administración a obriga legal de negociar calquera actuación que afecte á calidade do ensino e as condicións sociolaborais das traballadoras/es do ensino galego.
Tamén teremos unha reunión previa á esta mesa todas as OOSS para estudar a posibilidade de mobilizacións conxuntas.

 

Ligazón instrucións enviadas aos centros

SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
Galiza a 21 de maio do 2009