O novo goberno continúa coa súa obsesiva campaña de desgaleguización cedendo ás presións dos grupos ultraconservadores e minoritarios
Para o STEG todas as actuacións e declaracións do actual goberno responden a unha campaña planificada de xenreira á nosa lingua
O novo goberno vai facer unha modificación do decreto lexislativo 1/2008 que obrigaba a facer, como mínimo, unha das probas de acceso á función pública en galego
Os argumentos utilizados para esta modificación son tres:
- Dar cumprimento á normalización do idioma galego.
- Garantir o dereito dos administrados ao uso da lingua propia de Galicia nas relacións coa administración pública no ámbito da comunidade autónoma e
- Cumprir coa obriga de promover o uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia que determina a Lei de normalización lingüística.
Qué quere este goberno?
Non dar cumprimento á normalización do idioma galego como di a Lei de normalización lingüística?
Obviar o dereito dos administrados ao uso da lingua propia nas súas relacións coa administración pública galega? Xa que o descoñecemento da nosa lingua fará que non se poda garantir ese dereito.
No ámbito da educación, cómo fará unha persoa especialista de PT ou AL que non coñece o idioma para axudar ao alumnado con dificultades e que se expresa en galego?
A administración quere facelo con efectos retroactivos, polo que as oposicións de educación que van realizarse no vindeiro mes de xuño poderán facerse integramente en castelán.
O STEG rexeita o que xa semella unha cruzada contra a lingua e traballará, con todos os medios aos seu alcance, para impedir calquera retroceso na normalización do idioma e nos dereitos das persoas galego falantes. Neste sentido seguimos a facer un chamamento ao goberno galego para que deteña este sen sentido e que, en lugar de crear conflitos, inicie o camiño da solución no que vivían e, seguro que queren vivir, a maioría das galega se galegos: a protección da lingua galega.
SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
Galiza a 21 de maio do 2009