Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

DRÁSTICA REDUCCIÓN DE UNIDADES NOS CENTROS DO RURAL

A Consellaría de Educación, a través dunha circular de instrucións, vén de comunicarlle á inspección educativa os criterios que deben rexer nos agrupamentos do alumnado para o vindeiro curso.

En dita circular dise que hai que agrupar nun único grupo a todo o  alumnado dun ciclo cando o nº total non sexa superior a 20. A medida afecta tanto a Infantil como a Primaria.
Así mesmo agruparase nunha única unidade ao alumnado de distintos ciclos cando o seu número non sexa superior a 15.

Cómpre recordar que desde o 2002, gobernando o PP e con Celso Currás como conselleiro, víñase aplicando o criterio de non unir grupos dun mesmo ciclo se a unidade resultante superaba os 16 (agora aumentase a 20). Ademais, esta norma aplicábase con certa flexibilidade, tendo en conta a evolución do número de alumnado do centro, do profesorado co que se contara, etc.

Esta medida, de aplicarse tal e como se está a facer, vai supor unha drástica redución do numero de unidades de moitos centros, especialmente no rural. Como consecuencia, o número de profesorado suprimido tamén vai ser importante e polo tanto un bo número de profesorado interino quedará para o vindeiro curso sen traballo.

Estamos pois ante unha medida meramente economicista, de redución do número de profesorado e que evidentemente terá repercusións moi negativas na calidade do ensino.

Resulta rechamante que unha das primeiras medidas tomada pola nova consellaría, incumpra descaradamente o prometido no programa electoral do PP. Hai que recordar que nel se dicía que “... a redución das ratios é unha demanda constante do profesorado e dos pais/nais... O PPdeG considera prioritario avanzar na redución do número máximo de alumnos por aula, que debería ser de 15, especialmente na educación infantil”. Pouco tempo nos durou a esperanza desa promesa. Verdade é que todo o mundo coincide en que a baixada do número de alumnado por aula redundaría nunha maior calidade, pero desgraciadamente impera a redución de gastos, a simple visión economicista sen darlle maior importancia á educación, e unha vez máis, o primeiro en sufrir as consecuencias destas políticas é o ensino rural.

No mesmo programa electoral dise que o bipartito, en 4 anos pechou máis de 60 unidades nos pobos do rural, pois ben, o novo goberno en dous meses vai conseguir multiplicar ese número.

Desde o STEG, intentaremos xunto coas demais forzas sindicais frear este ataque sen precedentes ao ensino rural, pero queremos facer tamén un chamamento a toda a comunidade educativa, especialmente as nais e pais para que se posicionen en contra deste ataque á calidade na educación das súas fillas e os seus fillos.

Ligazón instrucións enviadas aos centros

SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
Galiza a 21 de maio do 2009