Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

Manifesto da ANPA "López Ferreiro"

 

A Asociación de Nais e Pais “López Ferreiro”, reunida en asemblea o día 16 de xuño de 2009, en consonancia coa protesta feita pola Federación de ANPAs de Compostela contra a consulta nos centros educativos, en relación co uso do galego, que está a realizar a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, e sumándose aos manifestos de: A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Directores e Directivos de IES, AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), CIG, CCOO, CSI-CSIF, FETE-UGT, STEG, CAE, Comités, Coordinadora de Equipas de normalización Lingüística de Ferrolterra, Coordindora de Equipas Normalización Lingüística de Compostela, Federación de ANPAs de centros públicos de Ferrolterra, NEG (Nova Escola Galega)….. acordou:

1.- Rexeitar a consulta por ser manifestamente ilegal xa que: carece das garantías mínimas de fiabilidade e protección do anonimato; nega a un dos proxenitores a posibilidade de pronunciarse; impide ás familias que escolarizan este curso aos seus fillos/fillas por primeira vez poder cubrir o cuestionario; utilízanse cartos públicos para un proceso cuxo fin último é vulnerar o ordenamento xurídico do noso país en materia lingüística; é contraria a un acordo unánime do Parlamento de Galicia e empobrece, aínda máis se cabe, o patrimonio cultural de Galicia impedindo a transmisión e o coñecemento da nosa lingua.

2.- Denunciar a falla de información en relación coa consulta e as súas consecuencias. Denunciar así mesmo a “censura” que se produciu prohibindo difundir as opinións dos diferentes colectivos.

3.- Solicitar a anulación de todas as actuacións levadas a cabo en relación coa consulta.

Para concluír, manifestamos o noso apoio a todas medidas, incluídas as medidas legais, que se están levando a cabo por diferentes colectivos en contra da realización da consulta

 

 

 

ANPA "López Ferreiro"

Galiza 16 xuño de 2009