Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

O STEG traballará pola galeguización do ensino opóndose  a toda involución lingüística


Só existen dúas posibilidades para deixar de escribir artigos sobre a nosa lingua nestes termos: a primeira, desexábel, sería que o galego acadase o status de lingua normalizada en Galiza, e a segunda é que vaia esmorecendo paseniñamente o número de falantes ate a súa desaparición. Por desgraza todos os estudos realizados desde a Lei de Normalización lingüística do 1983 apuntan cara o segundo camiño: o camiño do abismo ou desaparición. Se alguén pensa que esta é unha afirmación alarmista,abondaralle con ollar os estudos da Unesco sobre linguas en perigo de desaparición e atopar á nosa entre elas para mudar de opinión. É o que ten a realidade: é insistente e contrastable, a pesares dos que pretenden inventala a partires de mentiras repetidas mil veces. A publicación do recente estudo sociolingüístico da RAG danos a razón aos que non pechamos os ollos ante a desaparición da nosa lingua ao mesmo tempo que resulta sospeitoso a súa publicación con tanta demora despois da infame campaña na súa contra.

Desde o inicio da democracia houbo consenso en facer da política educativa un instrumento para a dignificación da nosa lingua, pretendendo, ao mesmo tempo, igualar o nivel de  competencia lingüística en galego co nivel acadado en castelán a través do sistema educativo. Cando menos esta postura estaba implícita nos discursos de todas as forzas políticas, sen entrarmos a valorar o grado de compromiso real con esta asunción- medible por outra banda en función das medidas adoptadas para lograr este obxectivo.

O cambio de goberno e a implantación do novo decreto do galego,levou a converter a lingua nunha arma política encamiñada a desgastar ao bipartito, sementando a idea de que se estaba a impoñer ao alumnado, poñendo en risco a súa competencia lingüística en castelán. A rapidez coa que se estendeu esta interpretación dunha lei aprobada co apoio de todas as forzas políticas do Parlamento, só pode ser explicada pola familiaridade da cidadanía cun discurso escoitado ata a saciedade sobre o catalán e o euskera e sustentado no descoñecemento sobre a realidade destes países, e polo aumento dun sector da poboación alonxado cada vez máis de posturas identitarias construídas ao redor da lingua, e que desexan que a aprendizaxe do galego sexa, como moito, subalterna á do castelán.

O que non aceptamos desde o STEG é a falacia de que unha maior competencia en galego, que procura o decreto que o novo goberno ameaza xa con derrogar, tense que construír a costa da competencia en castelán. Os que tal cousa afirman só poden facelo desde a máis profunda ignorancia sobre a verdadeira situación da lingua, ou desde a cínica despreocupación polos dereitos daquelas persoas coas que comparten sociedade, e que desexan os mesmos dereitos como galegofalantes– reais, que non só en papel!-dos que se disfrutan como castelanfalantes. O verdadeiro conflito lingüístico está por vir, se o goberno cumpre a súa ameaza de derrogar o Decreto de Galego para voltarmos á longa noite de pedra que algúns desexan non só para a nosa lingua, senón que semella que tamén para todo o pais.

O dano causado ao noso idioma e á sociedade galega no seu conxunto nestes meses de campaña son enormes, e dunha irresponsabilidade que o tempo se encargará de xulgar. Nós, sabedores de que a historia a escreben aqueles que poden, facémolo xa: é impropio dunha democracia que a primeira medida que anuncia un gobernante vaia encamiñada a vulnerar dereitos da poboación a quen di representar. O novo goberno da Xunta deberá retractarse e poñer en práctica unha política destinada a protexer os únicos dereitos lingüísticos que son sistematicamente vulnerados en Galiza, como acredita o informe elaborado polo Consello de Europa e que cualifica de “insatisfactoria” a situación do galego no ensino, e que reflicte datos tan elocuentes como que o número de nenos e nenas de preescolar que reciben educación en galego segue sendo moi baixo, de arredor do 1,3%. Se cadra esta cifra é a que xustifica a alarma social que leva a Feijóo a anunciar o desmantelamento da rede de Galescolas..

 A situación do galego é sen dúbidas crítica,pero non irreversible, e debe ser tarefa de todos os axentes sociais conseguir mudala. Facemos desde aquí un chamamento a todos eles, desde aos medios de comunicación que frecuentemente reproducen irresponsablemente discursos sen contrastalos debidamente coa realidade, ata ao profesorado do que se demanda un maior compromiso coa situación lingüística do pais aínda a sabendas da escaseza de recursos educativos en moitas materias..
E nós mesmos, como sindicato galego, renovamos o noso compromiso inquebrantable coa nosa lingua e coa defensa do dereito a unha educación en galego.

versión en pdf

 

 

Secretariado Nacional do STEG
Galiza 18 de marzo do 2009