Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

A Consellería de Educación elimina a posibilidade de que as nais e pais elixan  a lingua galega en Infantil

Con esta medida demóstrase que o Presidente e goberno da Xunta menten ao eliminar a posibilidade de elección que din defender. Para o STEG o seu discurso da liberdade só ten un obxectivo: eliminar o galego do ensino

.

No tramo de educación infantil a lexislación vixente di que a lingua da escola será  a maioritaria entre o alumnado. Esta norma é a que contemplaba a lexislación do ano 1995( Artigo 4 do D.245/1995) do goberno de Fraga posteriormente recollido na actual lexislación. Nas zonas urbanas, tanto a realidade como os estudos sociolingüísticos (que inspiran o Plan de normalización lingüística, tamén do goberno Fraga e votado a favor polo actual presidente da Xunta), constataban unha perda de galegofalantes o que impedía o contacto coa lingua propia de Galiza. Esta situación impedía que as nenas e nenos galegofalantes tivesen un contexto no que desenvolverse na súa lingua. Para solucionar este problema a Orde permitía a liberdade de elección ás nais e pais ( nun complexo proceso), estando de acordo a comunidade educativa, para que existira esta aula para galego falantes sempre que se garantira outra unidade para castelán falantes.


En total foron 47 os centros que se adheriron a este programa para preservar a nosa lingua nestes contextos sociolingüísticos.
Despois de consultar hoxe á Consellería se nos confirma que non teñen intención de continuar con este programa de defensa da lingua alí onde está case extinguida.  Tampouco confirman se lle manterán as axudas ás unidades existentes, mais é probábel que lle sexan retiradas.


Para o STEG é alarmante esta medida xa que mesmo é contraditoria cos postulados que di defender esta Goberno. É, xa que logo, unha proba evidente de que aos novos responsábeis da Consellería non lles interesa esa suposta liberdade que din defender, senón facer todo o posíbel para lexislar en contra da protección do patrimonio común das galegas e galegos: o galego.

Por outra banda o borrador da Orde polo que se regula a implantación, o desenvolvemento e  a avaliación do segundo ciclo de educación infantil en Galiza incumpre a lexislación vixente en materia de normalización lingüística xa que no artigo 6 referente  ao tratamento das linguas oficiais non recolle o artigo 7 do Decreto 124 onde di:
No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá. Fomentarase a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, no sentido de que este se converta no idioma base da aprendizaxe, de xeito que o alumnado obteña unha competencia que lle permita comunicarse normalmente en galego co alumnado e o profesorado.

Para o STEG, con estas medidas, esta administración só persegue facer do alumnado galego analfabeto lingüisticamente en galego e a medio prazo  a desaparición da nosa lingua. Na medida en que incumpre a lexislación vixente o STEG recorrerá esta Orde se na vindeira mesa sectorial do xoves non se rectifica e se cumpre a lei. Lamentabelmente as únicas novidades lexislativas desta goberno en materia educativa non se preocupan da calidade do ensino senón só de eliminar todas as medidas existentes de protección da lingua.

 

 

 

 

 

 

Secretariado Nacional do STEG

Galiza 16 xuño de 2009