Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

A POLÍTICA EDUCATIVA DA XUNTA
Valoración de urxencia: o antes e o despois

Pasado o 1 de marzo é hora dunha nova reflexión, desta vez non para emitir o voto senón para botar a vista atrás e tamén adiante no que atinxe ao ensino público galego. O STEG, como sindicato progresista, sinte a ausencia de medidas máis audaces e comprometidas cun ensino público galego, e así o expresou en diversos momentos da lexislatura que remata, aínda así recoñece que nestes anos houbo unha mellora na atención á Educación que se traduciu en incrementos orzamentarios, valorización das políticas de coeducación, capacidade lexislativa (aínda que con escaso cumprimento) na promoción da nosa lingua, mellora nas condicións sociolaborais do profesorado, eliminación do concerto a aqueles centros que segregaban por sexo, maior diálogo social...

Entre as eivas cabe destacar a atonía á hora de abordar a cuestión da relixión no ensino. Aínda sabendo que a resolución final era unha cuestión estatal, pensamos que houbo marxe de manobra para, cando menos, impedir que estes profesores nomeados pola igrexa católica foran titores ou formaran parte dos equipos directivos dos centros tal e como o STEG demandou repetidas veces e denunciou xudicialmente. Outro aspecto destacábel foi a falta de previsión nas ofertas públicas de emprego, que levaron ao paro a moito profesorado con 20 anos de servizo, así como a ausencia dun proceso de estabilidade para o colectivo de profesorado en condicións laborais precarias. Non podemos deixar de lembrar que os maiores conflitos orixináronse na Dirección Xeral de Innovación Educativa co intento de supresión da xornada única de xuño e setembro, e mesmo cunha teimuda impermeabilidade cara as demandas sindicais e dos diversos colectivos de profesorado implicados na reforma do Bacharelato.

Máis alá dos asuntos que vimos de sinalar, desde o STEG agardábamos a mellora dos anteriores aspectos nunha segunda etapa de goberno de progreso. Tiñamos esperanza no afianzamento das políticas educativas progresistas iniciadas, así como no cambio de rumbo naqueloutras aínda non desenvolvidas, ou ben iniciadas desde ópticas que non dignificaban o ensino público galego.

Para o STEG o momento actual a respecto do ensino e da cultura galega podemos caracterizalo de incerto e preocupante. Incerteza nalgúns temas, mais noutros xa certezas, se atendemos ás declaracións de intencións:

  1. DERROGACIÓN DO DECRETO DE LINGUA GALEGA. Para o STEG a situación da lingua galega o que precisa é o cumprimento deste Decreto e non facer do noso vehículo de expresión unha arma política deseñada desde Madrid. No caso de cumprirse o que o STEG considera unha ameaza contra  a nosa lingua e cultura, iniciará unha campaña de oposición con todos os medios cos que contamos

  2. AUMENTO DOS CONCERTOS EDUCATIVOS. O programa do PP contén como un dos eixos educativos a potenciación do ensino concertado. Para o STEG toda política deste tipo é un ataque frontal á escola pública galega e á súa calidade ao detraer medios económicos para un ensino privado. Agardamos que o novo goberno cumpra  a lei e deixe de subvencionar a aqueles concertos que segregan por sexo tal e como se comprometeu o goberno saínte.

 En definitiva, a nova Consellaría de Educación contará co apoio do STEG, como sindicato independente, cando as políticas potencien unha escola pública, galega, de calidade, coeducadora, laica e democrática. Neste sentido esixiremos e vixiaremos o cumprimento daquelas promesas do programa electoral do novo goberno que avancen neste camiño e oporémonos a toda política educativa que vaia na liña contraria.

 


Secretariado Nacional do STEG
marzo 2009