Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

O STEG DISCREPA DA VISIÓN OPTIMISTA QUE APORTOU A CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN NA PRESENTACIÓN DOS ORZAMENTOS PARA O ANO 2009.

A conselleira de educación e ordenación universitaria presentou, o día 27 de outubro, os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano e aportou algúns datos que o STEG, despois de estudar o orzamento, non comparte.


A conselleira falou dun aumento do 23%, respecto ao ano anterior, para os programas de mellora do éxito escolar, os de éxito escolar destinado a centros e os de diminución do abandono. Analizando os orzamentos, para este programa (o 423B) mantén a mesma contía que no ano 2008 – o que supón unha diminución relativa- nas axudas para a mellora do éxito escolar e nas de prevención do abandono escolar temperá, e diminúen os adicados a programas de prevención do abandono escolar temperá e aos programas para a mellora do éxito escolar nun 20% e nun 6,59% respectivamente. Non sabemos de onde sae ese aumento do que fala a conselleira.


Entre os “tres programas clave para o seu departamento” fala da consolidación do programa de gratuidade de libros de texto ao que destina, un 36,87% menos que o ano pasado! e, no monto total do programa de servizos e axudas complementarias á ensinanza (423A), dentro do cal se atopa, xunto co transporte e comedores escolares, prodúcese un descenso dun 0,75% con respecto ao ano anterior.


Ademais de poñer en dúbida as cifras anteriores, o STEG quere denunciar algunhas que non mencionou a conselleira na súa alocución no parlamento galego. A diminución, nun 11,76%, do gasto para as ensinanzas artísticas (programa 422E), a baixada nun 12,42% para o programa de formación e perfeccionamento do profesorado (422I), a baixada dun 22,72% no fomento da Lingua Galega, a pouca importancia que lle concede á prevención de riscos laborais, mantendo o mesmo paupérrimo gasto (30.000 euros) que no ano 2008.


Pero non ía a ser todo decaementos e diminucións do gasto, hai algunhas partidas que sofren un significativo aumento: as dedicadas aos concertos educativos, ante as cales o STEG, dada a súa loita por un ensino público, está radicalmente en contra. Para o ensino infantil concertado pasouse dun gasto de 351000.000 de euros en 2008 a 391408.388 en 2009 o que da como resultado un ¡aumento dun 12,60%!. Lembramos que o aumento de cartos aos colexios concertados nesta etapa non obrigatoria é fundamental para garantir o seu aumento de alumnado nas demais etapas educativas, xa que non é frecuente que as nais e os pais opten por un cambio de colexio unha vez comezan nun. Para educación primaria e secundaria obrigatoria, de 1851303.552 en 2008 a 1911620.368 en 2009 (aumento dun 3,41%). Para educación especial pasarase de 101600.000 a 111694.345 ¡un 10,32% de aumento!. Por último, aumenta nun 0,9% os concertos na FP e nos Programas de cualificación profesionais.


Aínda que se podería valorar como positivo o incremento dun 4,45% (e non dun 4,50 como di a conselleira) nos orzamentos de educación para 2009 non podemos deixar de denunciar dous datos que cualificamos como moi negativos: o primeiro deles é que a porcentaxe do gasto en educación ao respecto do PIB galego é dun 4,09% cando esiximos que sexa, cando menos, dun 7% para poder achegarnos aos datos dos estados preocupados por unha educación pública de calidade e o segundo é o aumento do gasto público dedicado aos concertos educativos, no lugar de ir, paulatinamente, baixando a contía deste gasto a favor de aumentar a inversión en centros públicos ata conseguir a desaparición daqueles.

 

 

 

 


Secretariado Nacional do STEG
Galiza, novembro de 2008