Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

CONCURSO DE TRASLADOS
As seccións bilingües e o galego

Seccións bilingües
O STEG foi o único sindicato que se opuxo a esta coladeira.

Unha das novidades máis salientables do concurso de traslados 2008/2009 é que por 1ª vez se vai poder concursar a prazas de sección bilingüe.
Na Mesa Sectorial na que se trataron as ordes do concurso, o STEG foi o único sindicato que se opuxo a esta decisión.
  
Expliquemos por que.
As seccións bilingües, reguladas pola orde do 18 de abril de 2007 (DOG, do 7 de maio), pretenden reforzar a aprendizaxe dunha lingua estranxeira mediante a incorporación parcial do seu uso como vehículo de comunicación nunha área. É dicir, unha área impártese en galego/castelán segundo corresponda e nunha lingua estranxeira, por exemplo en inglés.
Para crear unha sección bilingüe, o centro ten que comprometerse a mantela durante toda a etapa e o profesorado que forma parte do proxecto, a impartila un mínimo de dous anos.
Na orde especifícase que as vacantes que se produzan nas áreas dunha sección bilingüe serán cubertas por profesorado coa debida competencia lingüística, pero non se aclara o mecanismo polo que se cubrirán ditas vacantes. Agora a Consellaría pretende que se cubran mediante o concurso xeral de traslados.

Que consecuencias pode traer isto?
Verémolo claramente cun exemplo. Nun CEIP do centro dunha cidade (caso real) hai unha sección bilingüe de Ed. Plástica en 3º de primaria. Se a persoa que ocupa esa praza cambia de destino, xera unha resulta de EP que para cubrir por CXT normal necesitaríanse como mínimo 70 puntos, mentres que ao ser sección bilingüe facilmente se pode conseguir con moitísimos menos.
A persoa que accede a esa praza (calquera que teña o nivel intermedio de EOI no idioma correspondente) só ten a obriga de participar na sección bilingüe 2 anos. A partir de aí pode deixala. O caso é que se colocou (tamén se podería dicir colou) nunha vacante definitiva de EP no centro da cidade con 10 puntos, conculcando os dereitos de moitas persoas que solicitaban esa praza.
O mesmo exemplo e é aplicable para calquera praza catalogada como sección bilingüe nun IES.

Ante esta circunstancia, desde O STEG, solicitámoslle á administración que arbitrara outros medios para cubrir estas prazas. A resposta foi que eramos o único sindicato que facía esta petición.

Galego
Ao alumnado galego non se lle garante a atención educativa na nosa lingua

Xa vemos que o coñecemento de linguas estranxeiras pode ter os seus privilexios, mais non ocorre o mesmo co galego.
Unha vez máis, o coñecemento da nosa lingua non é requisito para acceder ás prazas que non se imparten obrigatoriamente en galego, polo que seguiremos a ter profesorado, non só que non sabe escribir ou falar en galego...senón que nin tan sequera o entende.
Profesorado especialista en Educación Física ou Educación Musical que chegará a un colexio pequeno do noso rural e ten que coller unha titoría, polo que tamén impartirá Matemáticas, Coñecemento do Medio... en castelán.
Profesorado especialista de AL que a un alumno galego falante con alteracións na linguaxe tamén llas corrixirá... en castelán.
Estes poden ser casos dos máis alarmantes, pero non é menos grave que profesorado de ensino secundario, no transcurso dunha titoría, non entenda ao seu alumnado galego falante.

Esta Administración parece estar máis preocupada de facer campañas mediáticas de marketing e “vender” decretos que non traspasan a barreira do teórico ao non traballar para o seu cumprimento  que de garantir unha verdadeira calidade educativa.

Desde o STEG seguiremos traballando para conseguir a dignificación social da nosa lingua e por unha verdadeira normalización na sociedade galega. Neste sentido esiximos da administración educativa a garantía do dereito, para todo o alumnado galego, de poder ser educado na nosa lingua propia.

Artigo en PDF para imprimir

Secretariado Nacional do STEG
decembro 2008