Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

OTAN NON: 60 anos abondan

Hai 60 anos, o 4 de abril de 1949, fundábase a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), como a estratexia militar dos EEUU para consolidar o seu dominio económico e político fronte ao seu antigo aliado na guerra contra o fascismo: a URSS; lembremos, nese sentido, que de acordo coa doutrina Truman e o Plan Marshall o obxectivo de EEUU era desprazar os comunistas dos gobernos que se constituíran na Europa occidental tras a Segunda guerra mundial e facerlle fronte á ameaza da URSS, en realidade moi danada polos estragos da guerra contra os nazis.


Durante anos a OTAN atentou contra a democracia en Europa: conviviu coa ditadura portuguesa (1949-1975), sen facer nada pola democracia nese país; ofreceulles apoio loxístico aos golpes de Estado que protagonizaron os coroneis gregos en 1967 e os militares turcos en 1980 e logo apoiou politicamente as ditaduras grega (1967-1974) e turca (1980-1982, aínda que o noso rapaz -como se refería a CIA Kenan Evren- seguiu no poder, logo dun referendo constitucional feito á súa medida, ata 1989); promoveu unha extensa rede paramilitar, coñecida co nome de Gladio, que actuou en países como Italia, Grecia e Turquía para frear o avance dos comunistas...


En 1999, unha vez que todos os países europeos que durante décadas foran o inimigo declarado da OTAN se transformasen en repúblicas obedientes aos intereses norteamericanos -só Rusia e Bielorrusia, aínda que por razóns ben distintas, se mantiveron á marxe desa nova fe atlantista de países como a República Checa ou Polonia-, a OTAN redefinía a súa nova estratexia: contribuír á paz e estabilidade mundial; despois dos atentados do 11-S, no 2002, perfilouse ese novo obxectivo durante o cumio de Praga,: dende ese momento a OTAN asumiu como tarefa principal a guerra contra o terrorismo fundamentalista e adoptou a doutrina bushista da guerra preventiva, unha flagrante violación do dereito internacional practicada no pasado polo exército nazi e denunciada polo propio presidente dos EEUU Ike Eisenhower. En realidade, o novo obxectivo era ben outro: controlar as rexións produtoras de recursos naturais (hidrocarburos, fundamentalmente) e de importancia xeoestratéxica na loita contra as potencias económicas emerxentes (China, fundamentalmente). Velaí os novos obxectivos militares da OTAN, en consonancia cos intereses dos EEUU: Iraq (mediante o apoio loxístico e a participación de instrutores militares), Afganistán, Kosova, Active Endevour (Mediterráneo)...


A OTAN, así o demostra a súa pouco democrática historia -lembremos que é unha organización na que as decisións se toman á marxe do control parlamentario dos Estados-, é o instrumento que asegura os privilexios e os intereses das clases dominantes dos países máis ricos do planeta. Velaí a razón pola que nunca poderá ser unha forza de paz.
Sesenta anos de estratexia militar abondan; cómpre, xa que logo, unha nova estratexia baseada na redistribución equitativa dos recursos e na soberanía alimentaria e enerxética como garantía da paz.
No seu momento xa dixemos NON á OTAN e agora seguimos dicindo OTAN NON polas seguintes razóns:

  • A OTAN non recoñeceu a decisión soberana do pobo expresada en referendo popular o 12 de marzo de 1986 (os barcos e avións con material nuclear son habituais nos nosos portos e aeroportos –aínda que a OTAN nunca o confirmou-, construíronse novas bases militares –Retamares, Bétera e Albacete- e forzouse o ingreso do Estado na estrutura militar da OTAN) ;
  • A OTAN é o bloque militar máis agresivo do planeta;
  • A OTAN promove a carreira de armamentos e a militarización do planeta;
  • A OTAN é a responsable do aumento dos gastos militares, do desenvolvemento do complexo industrial militar e do comercio mundial de armas;
  • A OTAN mantén o perigo de guerra nuclear;
  • A OTAN é a garantía do imperialismo norteamericano e unha ameaza para a democracia e a seguridade dos pobos.
Seis razóns, unha por cada década de existencia desa organización militar, suficientes para dicir agora, como antes, OTAN NON.

 


 

 

Secretariado Nacional do STEG
Galiza abril do 2009