|
SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA | |
| |
| O STEG pide a aplicación da xubilación parcial e anticipada para o persoal do sector público O STEG considera que o conxunto das empregadas e empregados públicos han de ter os mesmos dereitos que o conxunto das traballadoras e traballadores polo que piden que se lles aplique a xubilación parcial e anticipada sen máis dilacións nin demoras inxustificadas. O artigo 67.2 do Estatuto Básico do Empregado Público estabelece que:“ Por Lei das Cortes Xerais, con carácter excepcional e no marco da planificación dos recursos humanos, poderanse estabelecer condicións especiais das xubilacións voluntaria e parcial” As Cortes Xerais rematan de aprobar Lei 40/2007, de medidas en materia de Seguridade Social que é a disposición adicional sétima di:“No prazo dun ano, o Goberno presentará un estudo sobre a normativa reguladora da xubilación anticipada e parcial dos empregados públicos, así como do persoal das Forzas Armadas e ao servizo da Administración de Xustiza, que aborde a aplicación da normativa reguladora de tales modalidades de xubilación, as condicións en que esta aplicación non xere problemas de sostibilidade aos sistemas de protección social e a homoxeneización, en termos equiparábeis, dos diferentes réximes”. Para o STEG e a Confederación Intersindical a disposición aprobada supón atrasar inxustificadamente o dereito á xubilación anticipada e parcial. Ese foi un dos motivos da nosa oposición á Lei de medidas en materia de Seguridade Social presentado polo Goberno español ás Cortes e aprobado pola maioría gobernamental. A Confederación Intersindical, xunto con outras organizacións sindicais, mantivo durante o trámite desa lei reunións cos grupos parlamentarios para tentar que esa disposición adicional se modificase e permitise unha aplicación inmediata dese dereito. Pero a cerrazón do Goberno, especialmente do Ministerio de Traballo, e das confederacións sindicais de CCOO e UGT non permitiron cambios substanciais no trámite da lei, nin nese asunto nin noutros que suporán recortes nas prestacións sociais do conxunto das traballadoras e traballadores. Por todo iso, a Confederación Intersindical traballará e impulsará cantas accións sexan necesarias para conseguir que se modifique a normativa legal e se posibilite a xubilación anticipada e parcial do conxunto das empregadas e empregados públicos. Secretariado Nacional do STEG |