Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

Mesa sectorial do 15 de maio
XORNADA ÚNICA
A Consellería permite que o transporte escolar continúe a condicionar a xornada educativa do alumnado galego

Na mesa sectorial do 15 de maio a Consellería negouse a retirar a aceptación previa do servizo de transporte como condicionante para poder realizar a consulta ás familias sobre o cambio de xornada. Polo tanto, aínda que a comunidade educativa no seu conxunto (nais e pais, profesorado e Consello escolar) estivese de acordo en mudar a xornada escolar, vería impedida esta decisión polo condicionante do transporte. Esta proposta mantén a primacía de criterios empresariais fronte aos pedagóxicos ou de conciliación da vida laboral e familiar.

O STEG defendeu e, seguirá a defender, que sexa a comunidade educativa a que decida a xornada que quere para as súas fillas e fillos. Por este motivo, segue a rexeitar que un condicionante como o do transporte poida botar abaixo unha decisión democrática e menos impoñer unha xornada contraria aos intereses de nais, pais e profesorado.

Por outra parte, a Consellaría pretende manter que para poder mudar de xornada educativa sexa preciso o voto afirmativo de 3/5 do censo de nais e pais. Isto fai que moitas veces decidan a xornada o 25% das nais e pais que non participan no proceso. É dicir, esta votación é un caso insólito nos procesos democráticos, no que as abstencións contan automaticamente como votos en contra. Por este motivo a proposta do STEG era que con 2/3 de votos afirmativos entre os votos emitidos, garantindo unha participación do 50% se puidese modificar esa xornada.

A Consellaría negouse a modificar estes aspectos polo que non se acadou acordo sindical a respecto desta Orde sobre a Xornada Escolar.

Secretariado Nacional do STEG
maio 2008