Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

A SUBA DO IPC CONTINUARÁ A PROVOCAR UNHA IMPORTANTE PERDA DE PODER ADQUISITIVO

O STEG denuncia a perda que para os empregados públicos supón esta suba ao non existir cláusula de revisión salarial.

A praxe supón unha redución anual dos nosos soldos.

O STEG reclama a cláusula de revisión salarial para o persoal empregado público ante a suba desbocada do IPC.

As perdas acumuladas son de case un 20% nas dúas últimas décadas

O persoal do sector público non ten recollido o dereito laboral da cláusula de revisión salarial que serve para impedir a perda de poder adquisitivo cando fallan as previsións do IPC que realiza o Goberno español, fallo que se repite ano tras ano. Agora, cos datos da inflación, que se sitúa no 3,6% para o mes de outubro de 2007, e co prezo do diñeiro que disparou as hipotecas, este persoal perderá, unha vez mais, poder adquisitivo sen que as Administracións estatais nin galegas poñan medidas para o evitar. Por contra, esta cláusula de revisión salarial contémplase en numerosos convenios colectivos, e tamén se aplica ás persoas que cobran unha pensión.

Os proxectos de Orzamentos Xerais do Estado para 2008 e os Orzamentos de Galiza non conteñen ningunha cláusula nin previsión para evitar estas perdas. Tampouco o acordo firmado na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, firmado por CCOO, UGT e CSIF, que fixa o aumento salarial para 2007 nun 3% e para 2008 na mesma contía. Mentres, o IPC para outubro de 2007 será dun 3,6%, polo que a perda de poder adquisitivo en outubro de 2007 é do 0,6% e pode que sexa maior no mes de decembro. A esa perda hai que unir a acumulada nos últimos anos (na última década é do 8,4%).

Por este motivo, o STEG e a Confederación de STES-Intersindical, propuxéronlle á totalidade dos grupos parlamentarios da Cortes Españolas que presenten unha emenda ao proxecto de lei de PGE 2008 que recolla a cláusula de revisión salarial para evitar que o conxunto dos empregados públicos continúen pagando a falta de previsión do Goberno.

Secretariado Nacional do STEG
novembro 2007