Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

O STEG rexeita a lei de medidas en materia de seguridade social

O STEG, a través da Confederación Intersindical, rexeita a lei de medidas en materia de Seguridade Social que aprobou o Congreso dos Deputados. Para esta organización sindical o texto supón un retroceso nos dereitos dos traballadores e traballadoras.

O Goberno español, tomando como base o acordo sobre medidas en materia de seguridade social subscrito o 13 de xullo de 2006 con CCOO, UGT, CEOE e CEPYME, aprobou modificacións da Lei da Seguridade Social que significan un retroceso na acción protectora da mesma. En concreto:

  • A efectos do cómputo dos anos cotizados para a xubilación suprímense as pagas extraordinarias. Agora para acceder á pensión mínima sóbese o período de cotización dous anos e medio, pasando a quince anos efectivos.
  • Introdúcense medidas regresivas na incapacidade permanente. A base reguladora da prestación relaciónase cos anos cotizados como ocorre coa pensión de xubilación. Mesmo se reducen prestacións a grandes inválidos.
  • Relaciónase a idade coa incapacidade permanente, diferenciando as bases reguladoras en función dese criterio.
  • Endurécense as esixencias para a xubilación parcial.
  • Posponse a xubilación parcial e anticipada nas Administracións Públicas, retardando sen ningunha xustificación a posibilidade de utilizar ese instrumento como factor de modernización e actualización dos cadros.
  • Gratifícase economicamente ao empresariado e ás traballadoras e traballadores para que prolonguen a vida laboral despois dos 65 anos, dificultando coa medida o acceso ao mercado de traballo das persoas mozos e doutros colectivos.

A Confederación Intersindical rexeita os recortes de dereitos das traballadoras e traballadores nunha materia tan sensíbel como son as prestacións sociais. Ademais eses recortes fanse cando o propio Goberno recoñece que o crecemento económico supera a media europea e hai un superávit no fondo da Seguridade Social. Os recortes sociais son unha clara provocación ás traballadoras e traballadores. A paz social que emana dos acordos da chamada Mesa para o diálogo social estalle a custar moi cara ao conxunto das traballadoras e traballadores e supón un paso atrás importante en materia de prestacións sociais que conta co aval de determinados sindicatos.

Nese sentido, o STEG oponse á lei aprobada polo Congreso dos Deputados, rexéitaa con contundencia e traballará sindical e politicamente para lograr a recuperación dos dereitos que o conxunto de traballadores perdeu con esta nova normativa.

Secretariado Nacional do STEG
decembro 2007