Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

STEG considera inviábel obxectar Educación para a Cidadanía e pide que se sancione aos centros que a potencien a obxeción

O inicio de curso vén marcado polo interesado debate sobre a posibilidade de obxectar a materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, cuxo estrondo mediático oculta o que debería ser a auténtica preocupación de fondo: o por que se segue permitindo nun Estado aconfesional que a relixión católica se siga impartindo en todos os centros educativos en horario escolar e se discrimine ao alumnado que opta por non dar relixión.

Desde o STEG consideramos inviábel a obxección a unha materia oficial, que foi introducida no currículo escolar co respaldo da maioría democrática e en consonancia co estabelecido nos países do noso contorno, co principal propósito de que o alumnado coñeza e interiorice os dereitos humanos fundamentais.

A xerarquía eclesiástica tacha de anticonstitucional esta materia e o seu contido, cando a realidade é que o que non resistiría o paso polo Tribunal Constitucional son os Acordos do Estado co Vaticano sobre educación e asuntos culturais, que no seu artigo 1º, parágrafo 2º, din textualmente: “En todo caso, a educación que se imparta nos centros docentes públicos será respectuosa cos valores da ética cristiá.”. Isto quere dicir que a “ética cristiá” impediría ao profesorado falar nos centros educativos de moitos avances da ciencia nas escolas e institutos, desde a evolución das especies á investigación con células nai, pasando polo dereito ao divorcio e ao aborto. Ao mesmo tempo, encontrámonos con libros de texto que se utilizan para impartir a relixión confesional en escolas e institutos que poden ser anticonstitucionais ao ser irrespectuosos cos dereitos constitucionais recollidos na lexislación vixente.

No STEG, ante a situación que se está a xerar con estes ataques desmesurados, pedimos respecto para o Profesorado que impartirá esta materia, que cumprirá coa súa función de ensinar e educar e non adoutrinar.
Tamén pedimos é Consellería de Educación que sancione a aqueles centros que animen aos pais á obxección de conciencia ou a que non se imparta esta materia, sancións que deberían comezar pola retirada dos concertos a aqueles centros que reciban diñeiro público sen respectar as condicións estabelecidas legalmente.

Desde o STEG seguiremos, por outro lado, implicados na campaña pola relixión fóra da escola xunto a numerosas organizacións sociais que pretendemos conseguir o obxectivo dunha escola laica que respecte a todas as crenzas, pero que non permita o adoutrinamento nas aulas.

Secratariado Nacional do STEG
setembro 2007