|
SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA | |
| |
| O STEG consigue que a consellería poña fin á discriminación das interinas e substitutas cos permisos de maternidade As reiteradas denuncias do STEG ante a Consellería, o Servizo Galego de Igualdade (SGI) e nos medios de comunicación, rematan cunha práctica discriminatoria por razón de sexo. Durante anos, ás interinas e substitutas que estaban a gozar do seu permiso de maternidade no momento en que eran chamadas para cubrir unha vacante ou unha substitución, a Consellería non lles permitía tomar posesión da praza que lles correspondía e continuar co seu permiso de maternidade. O exercicio do dereito a gozar do permiso de maternidade – do cal seis semanas teñen carácter obrigatorio – tiña consecuencias discriminatorias no eido laboral: perdas económicas para aquelas que non tivesen dereito ao subsidio de desemprego, perda de vacantes ou substitucións que lles correspondían – quedando á expectativa de que saísen vacantes ou substitucións ao remataren o seu permiso-, perda de antigüidade laboral, perda de cotizacións á seguridade social- con efectos sobradamente coñecidos, con respecto ao paro, a xubilación, ou o dereito a cobrar a os 100 euros por seren nais traballadoras... Esta práctica da Consellería levou a que moitas interinas e substitutas renunciase “voluntariamente” á totalidade do permiso de maternidade para poderen coller unha vacante ou unha substitución que lles correspondía e que perderían de continuar co seu permiso. Logo das denuncias do STEG esta situación mudou lixeiramente, mellorando algo a situación das interinas, xa que lles permitía escoller praza no momento que lles correspondía, e continuar co permiso de maternidade. Ao remate deste, incorporábanse á praza. Isto deu lugar á unha falsa sensación de “normalidade” para moitas interinas, xa que se ben a Consellería lles recoñecía a antigüidade a efectos administrativos, non as daba de alta na Seguridade Social, cos efectos discriminatorios xa mencionados. Porén, a situación das substitutas non mudou nin un chisco en todos estes anos, non podendo escoller a praza que se lles ofertaba sen renunciar ao permiso de maternidade (no caso de poderen renunciar, de atoparse fóra do prazo obrigatorio das seis semanas) Conscientes do intolerable desta situación, desde o STEG denunciámola ante o SGI, nos medios de comunicación, e ante a propia Consellería (que ademais entraba en contradición coa recentemente aprobada Lei de Igualdade). Asemade, levamos esta reivindicación ante todas as Mesas Sectoriais pertinentes, conseguindo que finalmente a Consellería poña fin a esta discriminación, como recolle o texto definitivo da Orde do 7 de abril de 2008 pola que se regula o réxime de permisos e licenzas do persoal docente no artigo 17: O persoal funcionario interino ou substituto docente que non estivese prestando servizos e reunise os requisitos para estar gozando do permiso de parto ou maternidade, paternidade e adopción ou acollemento terá dereito a ser chamado para as interinidades e substitucións que lles correspondan, tomando posesión coa finalidade de que os servizos que lles correspondería prestar lle sexan recoñecidos para os efectos administrativos e os económicos cando non tiveran dereito ás prestacións correspondentes No suposto de que no momento da finalización do permiso estivese vixente o nomeamento de interinidade ou substitución, terán dereito a optar pola incorporación á praza. No caso contrario cesarán na mesma tamén a efectos administrativos. Secretariado Nacional do STEG |