Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

O STEG, a través de STES-i, consegue que o Consello Escolar do Estado propoña melloras ao Decreto de Centros de Referencia Nacional de FP

O Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) continúa desenvolvendo a Lei de Formación Profesional (FP), e agora faino tramitando o proxecto de Real Decreto polo que se regulan os centros de referencia nacional de FP.

O Consello Escolar do Estado (CEE) informou este proxecto e na súa Comisión Permanente acordou, a proposta de STES-intersindical, formular ao MEC diversas melloras do proxecto, entre as que destacamos:

  • Os cadros do Profesorado destes centros deberán negociarse cos representantes do Profesorado na Mesa Sectorial de Educación do territorio no que se sitúe o Centro. Pensamos que o lugar de negociación dos centros galegos é a mesa sectorial de Galiza. O proxecto non cita os cadros do Profesorado nin de quen é a responsabilidade de as concretar, agora, tras esta proposta de STES, o MEC debe atender a petición do CEE no sentido de que se negocien cos sindicatos do Profesorado.
  • O Profesorado do Centro debe formar parte do Consello Social do mesmo. O proxecto só contempla a presenza neste Consello de representantes das administracións e dos “axentes sociais”, ignorando ao profesorado, agora, coa proposta de STES, o MEC debería cambiar o proxecto e dar entrada no Consello de cada Centro ao Profesorado do mesmo.
  • O Director ou Directora do Centro debe ser nomeado a proposta do Consello Social e non electo “a dedo” polo MEC, como formula o proxecto; esta proposta de STES está en liña coa defensa da participación e a xestión democrática que entendemos debe sustentar o sistema educativo.
Pero pese ás propostas de mellora aprobadas no Consello Escolar do Estado, este proxecto de decreto mantén unha serie de elementos que desde o STEG rexeitamos, entre os que destacamos dous:
  • A titularidade dos centros poderá ser da Administración Xeral do Estado ou da Administración autonómica, o que pode supor un retroceso e/ou intromisión nas competencias que teñen Galiza e outros territorios en educación contempladas na Constitución. A isto engádese que o Estado poderá realizar accións en ditos centros sen o acordo do territorio onde se sitúen o mesmos.
  • No Consello Social do Centro estarán representadas as organizacións sindicais “máis representativas” e, coa lexislación actual isto significa que centrais de ámbito territorial, poderán estar nos Consellos Sociais de centros de FP doutras comunidades e, porén, centrais representativas desa comunidade non poderán estalo por non ser “máis representativas” no ámbito do Estado.

Desde o STEG pedímoslle ao MEC que respecte neste decreto a configuración territorial do Estado e os dereitos do profesorado a estar representado polas súas organizacións, de tal forma que non se provoquen problemas competenciais nin de representatividade.

Secretariado Nacional do STEG
decembro 2007