| O
gasto en educación e a manipulación da patronal dos centros
católicos
A afirmación de que “a escola privada concertada
lle sae á Administración moito máis barata que
a pública”, realizada desde a “Federación
Española de Religiosos de la Enseñanza” FERE para
reclamar máis diñeiro público para a escola privada,
supón unha clara manipulación do servizo que presta cada
tipo de escola e das cifras de gasto por alumna/o co único obxectivo
de confundir á opinión pública.
A escola pública é o eixe vertebrador dos sistemas educativos
estatal e galego . A escola pública é a que está
en todas as vilas e cidades e en todos os barrios e aldeas, por pequenas
que estas sexan, e á que acode a maioría do alumnado de
toda Galiza e do Estado. A escola pública é a que fai
da etapa de escolarización obrigatoria unha etapa de convivencia
entre escolares, cos iguais e cos distintos; é a escola que contribúe
con esta convivencia ao mellor desenvolvemento democrático dunha
sociedade que cada día é máis diversa, máis
múltiple, máis plural.
Que o gasto por alumna/o é maior nesta escola co gasto nas escolas
privadas é un dato que saben todas as persoas que coñecen
o mundo do ensino, como tamén saben que a escola concertada é
a que está nas grandes cidades, a que selecciona ao seu alumnado
pola súa extracción social e polos recursos económicos
das súas familias, a que non quere alumnado con problemas…,
a que ve o ensino como un negocio ou como un lugar para o adoutrinamento,
ou como ambas cousas á vez.
En todo caso, resulta máis preocupante que gobernos,
como o galego, incrementen os concertos educativos en tramos non obrigatorios
ou manteñan os existentes cando non son necesarios, o que provoca
o desvío ( despilfarro) de recursos públicos á
mans privadas.
O conxunto das administracións educativas do Estado deben seguir
investindo máis na escola pública pois a súa obriga
é levar unha educación de calidade a todo o alumnado,
independentemente de onde viva.
Secretariado Nacional do STEG
abril 2008 |