Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio

FONDO DE ACCIÓN SOCIAL
A actual convocatoria imposibilita que moitos docentes poidan solicitar a axuda por vivenda

A Dirección Xeral da Función Pública danos a razón

Despois das reiteradas protestas do STEG, a Dirección Xeral da Función Pública, aínda que non vai mudar a convocatoria, comunicounos oralmente que atenderan todas as solicitudes que substitúan os documentos citados nos apartados i) e k) da convocatoria do FAS por unha certificación de MUFACE de non ser beneficiarios da axuda por adquisición de vivenda no exercicio económico 2007.

Escrito presentado polo STEG ante a Directora Xeral da Función Pública denunciando este feito:

"EXPÓN QUE:

Existe unha anomalía na tramitación das solicitudes de axuda por adquisición de vivenda, tanto do Fondo de Acción Social como de MUFACE, derivada dos requisitos esixidos en cada unha delas e da cronoloxía das respectivas convocatorias, que fai imposible, na práctica, o cumprimento de ditos requisitos.

No punto 6 da resolución do 12 de febreiro de 2007 (BOE de 3 de marzo de 2007) pola que se convoca a concesión de axudas económicas para a adquisición de vivenda polos mutualistas de MUFACE durante o ano 2007, establecíase como condición imprescindible para solicitar a axuda de MUFACE ter pedido previamente e non ter obtido a axuda de acción social existente dentro dos Plans de Acción Social das distintas Administracións Públicas no 2007. A tal fin, o mutualista debía acreditar mediante certificación expedida pola Comisión de Acción Social, ou órgano equivalente, que na convocatoria para a concesión de axudas de acción social no ano 2007 non existía ou, de existir, solicitou e non lle foi concedida axuda correspondente.

O prazo para presentar a solicitude de axudas por adquisición de vivenda para os mutualistas de MUFACE foi do 4 de marzo de 2007 ao 31 de xaneiro de 2008, cando aínda non fora publicado o Fondo de Acción Social, feito que impediu que os mutualistas de MUFACE dependentes da Xunta de Galicia puidesen presentar a devandita solicitude.

Por outra banda, no apartado 6 das normas específicas da resolución do 8 de maio de 2008 ( DOG do 19 de maio de 2008) pola que se ordena a publicación dos criterios de repartición do fondo de acción social da Xunta de Galicia para o exercicio económico 2007, cuxo prazo de solicitude abrangue do 22 de maio ao 6 de xuño de 2008, establécese como requisito imprescindible para a concesión da axuda por adquisición de vivenda, que os mutualistas de vivenda teñan solicitado á devandita mutualidade a axuda por compra de vivenda ou obra nova, xa que é preceptiva a referida solicitude para acceder ao Fondo de Acción Social.

Concluíndo, a anómala cronoloxía na publicación das resolucións arriba citadas imposibilita que os mutualistas de MUFACE cumpran a totalidade dos requisitos de ámbalas dúas resolucións.

SOLICITA QUE:

Con carácter excepcional se admita, como substitutivo dos requisitos j) e K) da resolución do 8 de maio de 2008 ( DOG do 19 de maio de 2008), certificación de MUFACE na que se reflicta a imposibilidade de ter pedido a axuda por adquisición de vivenda para os mutualistas de MUFACE por non poder cumprir un dos requisitos básicos da convocatoria."