Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

O STEG DEMANDA QUE SE OFERTEN AS LINGUAS DO TERRITORIO ESTATAL EN TODAS AS ESCOLAS OFICIAIS DE IDIOMAS


A promoción das distintas linguas oficiais do Estado en todos os territorios debería ser, trinta anos despois da instauración da democracia, unha política a adoptar por parte das distintas administracións, tanto a estatal como as nacionais.

Neste sentido cóntase cunha rede de escolas oficiais de idiomas que desempeña unha importante función social, e que xa vén contribuíndo, cunha alta aceptación e uns índices de calidade estimábeis, á aprendizaxe de distintas linguas estranxeiras, e nalgúns territorios das diferentes linguas cooficiais: catalán, éuscaro e galego.

O STEG considera que é fundamental a promoción destes idiomas, non só por cuestións prácticas que teñen que ver coa mobilidade voluntaria de traballadoras e traballadores, senón polo fomento do intercambio e o coñecemento entre comunidades.
Faise necesaria unha política que favoreza o aprecio e disfrute do noso legado cultural e lingüístico, que é un ben en si mesmo e non debería ser motivo de discordia nin de oportunismos políticos.

Tal como se pode comprobar en calquera escola oficial de idiomas que oferte estas linguas, hai un número suficiente de alumnado disposto a cursalas, e de feito trátase de opcións que están en auxe. Ao mesmo tempo, é unha maneira de fomentar a creación de postos de traballo para o profesorado.

Por todo iso, manifesta o seu estupor ante a reacción negativa do Partido Popular porque se anunciase en Andalucía a oferta destas linguas –tal e como se vén xa facendo en comunidades gobernadas polo PP- e pide a todos os partidos políticos que concorren ás eleccións que asuman esta sensata e xusta demanda, que desde o STEG e os STES-intersindical levamos facendo desde fai moitos anos.

Secretariado Nacional do STEG
febreiro 2008