Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

Mesa sectorial do 15 de maio
CALENDARIO ESCOLAR 2008/2009
O STEG demanda á xornada reducida de xuño e setembro para diminuír a carga lectiva do alumnado de Infantil e Primaria

A finais do curso pasado a Consellaría de Educación fixo unha proposta de Calendario Escolar para a Educación Infantil e Primaria, na que se mantiña o mesmo horario desde o inicio até o final do curso facendo desaparecer a tradicional xornada reducida matinal dos meses de xuño e setembro. Despois do conflito desatado por esta causa, o 30 de abril de 2007 o STEG, xunto con outras OOSS, asinou un acordo para o curso 2007-2008, que recuperaba a posibilidade da xornada continuada de xuño e setembro, non así a reducida, e melloraba de forma substancial as condicións de traballo do profesorado galego.

Froito dese acordo, ademais de conseguir importantes melloras laborais para o profesorado, houbo un aumento importante nos catálogos dos centros que permitirán as traballadoras e traballadores do ensino realizar a súa función docente cunha maior eficacia e polo tanto redundará nun mellor sistema público educativo galego.

No entanto, e despois da experiencia deste curso, o STEG segue a reivindicar unha redución na carga lectiva do alumnado de Infantil e Primaria, volvendo á xornada de catro horas matinal en setembro e xuño para o curso 2008-2009. É preciso lembrar que o alumnado galego, coa proposta da consellaría, segue a ser a comunidade con maior carga lectiva, con máis de 30 horas a respecto da media estatal. A nivel europeo ocupamos o 4º posto, moito por riba de países como Finlandia, país que sempre destaca nos resultados do Informe Pisa. Dato que nos leva á conclusión de que a maior carga lectiva do alumnado non implica necesariamente maior calidade do sistema.

Para o STEG é unha necesidade a redución da carga horaria das nosa crianzas, xa reclamada durante as negociacións do curso pasado, que pode ser resolta coa volta á tradicional xornada reducida, ao inicio e final do curso escolar.

A consellaría non aceptou a nosa proposta. Estudarán a posibilidade de que nos meses de xuño e setembro a xornada poida ser en sesión de maña, pero nunca reducida. Non explicaron en que termos nin en que condicións, polo tanto temos que agardar a publicación desta orde no DOG.

Por outra banda, a consellaría admitiu reducir en dous días a súa proposta inicial, pasando de 179 a 177, así como retirar da orde as conmemoracións do santoral propostas.

Calendario escolar para o curso 2008/2009 (DOG, 5/06/08)

Secretariado Nacional do STEG
maio 2008