Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina


ABORTO, MENTIRAS E CINTAS DE VÍDEO

O acoso que dende hai semanas está a sufrir o persoal sanitario de determinados centros hospitalarios, así como a chamada a declarar de mulleres que foron intervidas nestes centros por casos de prácticas de abortos “supostamente” ilegais, están a reflectir a insuficiencia da lexislación española en relación co dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade. Foron suspendidas varias clínicas en Madrid e Barcelona por presuntas irregularidades, o persoal dos centros recibiu ameazas de morte e agresións na rúa, difúndense mentiras e informacións, falsas e sen probas, de horrores truculentos que falan de berros e prantos de bebés cando están a ser asasinados, restos humanos en bolsas de lixos, trituradoras que desfacían os restos, en fin, que horror, cantas mentiras, cantas falacias. Volvemos ás situacións que vivimos hai máis de vinte anos cando moitas mulleres esixiamos o aborto libre e a dereita ultraconservadora, grupos antiabortistas, provida, etc., acusábannos de promover o asasinato dos non nados, aducindo os argumentos máis espurios e denunciando feitos que -que casualidade- eran os mesmos que están a utilizar agora como se fosen novos (xa naquel momento falaban de que se tiraban os restos de non nados aos contedores de lixo e difundían cintas de vídeo de bebés que choraban cando se lles asasinaba ao extraelos pola forza do útero materno, etc.).

Temos unha Lei do aborto de hai 22 anos e, a xulgar polo que está a ocorrer, está caduca, obsoleta e, ademais, é bastante máis restritiva que as dos países do noso contorno, como Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Francia, Portugal, Grecia, Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría ou a República Checa, que admiten o aborto libre - sen supostos legais- ata as 12 semanas de xestación. No caso de España, a Lei fixa tres supostos para permitir o aborto: risco para a saúde da embarazada, detección de grave tara física e psíquica para o feto e cando o embarazo é consecuencia dunha violación. O ocorrido en Madrid e Barcelona evidencia que a Lei en vigor non dá resposta ao dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade.

Despois de todo o ocorrido, das mentiras atroces e a persecución á que se someteu ás clínicas afectadas, ao persoal destes centros e ás mulleres que abortaron, era de esperar que o goberno dese unha resposta e que saíse, polo menos, a desdicir toda esta sarta de mentiras, pero non, non tiveron valor. Non só non se atreveron a valorar os feitos, senón que un día din que hai que reformar a Lei e ao día seguinte se desdín. O Partido socialista e, o máis preocupante, as mulleres do Partido Socialista, ademais doutros de quen xa o esperamos de antemán, permitiron que nunha votación a unha moción de IU que incluía a reforma da Lei cunha Lei de prazos, fóra rexeitada por abrumadora maioría, nin máis nin menos que 21 votos a favor e 277 en contra. É evidente e claro: o Partido Socialista está preocupado polo desgaste que lles supuxo o enfrontamento coa Igrexa católica pola Educación para a cidadanía, polo ensino privado-concertado e o falso discurso do dereito dos pais/nais a decidir a educación das súas fillas e fillos. Agora, en pleno período electoral, o partido socialista non quere unha nova campaña de desgaste que lle poida chegar da Igrexa católica por unha suposta reforma da lei do aborto.

Desde a Asemblea de Mulleres do STEG, queremos insistir na necesidade de modificar esta Lei do aborto. Necesitamos unha Lei moderna e definitiva, que non deixe fendas legais que poidan impedir ás mulleres o exercicio libre, na sanidade pública e con todas as garantías sanitarias e xurídicas, da súa decisión voluntaria de interromper un embarazo. Ademais de todo iso, é necesario promover, desde o ámbito da educación, a educación afectivo-sexual, para previr embarazos non desexados entre as mozos, ademais de campañas informativas e formativas dirixidas á prevención de embarazos non desexados e o acceso libre á anticoncepción.

Secretaría da Muller do STEG
xaneiro 2008