|
SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA | |
| |
ACORDOS QUE LEVA O VENTO
¿Onde están os 60 euros prometidos en 2005? Esta é unha das preguntas que máis se oe estes días nas conversacións entre o profesorado. Ninguén sabe respondela e os sindicatos que presumiron de ter “conseguido” esta suba salarial para todos os docentes antes das eleccións sindicais do ensino, están parapetados tras a negociación dun Estatuto do Profesorado que saben que é imposíbel que se tramite no que queda de lexislatura. O comezo do curso escolar 2007-2008 iníciase con dúas novidades impropias dun goberno progresista : o aumento dos concertos nos tramo de ensino non obrigatorio como é a etapa de infantil. Nesta etapa foise máis alá que os anteriores gobernos conservadores ao converter en concertos o que eran só subvencións. Desde o STEG seguimos a denunciar o desvío de fondos públicos para as empresas de educación privadas ao supor unha diminución dos investimentos na Escola Pública Galega coa conseguinte merma na calidade do ensino. Ademais este é o primeiro curso no cal o Persoal Laboral de Relixión convértese en persoal fixo e esta Consellería os habilitou para realizar funcións propias do funcionariado docente. Isto vai a provocar que poida haber alumnado que non curse relixión e teña, por exemplo, como dinamizador da biblioteca ou do plan de convivencia, ao persoal de relixión. Desde o STEG estamos a traballar nunha campaña para facilitar ás nais e pais á obxección a esta medida que vulnera o dereito á elección dunha educación laica. Tamén queremos destacar a confusión xerada polo retraso no envío de instrucións da Consellería para a aplicación do novo horario do profesorado. O STEG púxose en contacto coa administración galega para solicitar o envío destas instrucións ademais de facer as súas propias para facilitar o traballo nos centros. Como todos os anos queremos denunciar o retraso na
cobertura de substitucións de educación primaria xa que
a día de hoxe no que se inicia o curso escolar hai máis
de 400 aulas sen profesor. Secretariado Nacional do STEG |