Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

Galiza será o primeiro territorio do estado que permita que o profesorado de relixión poda ocupar cargos directivos nos centros educativos e realice funcións que son propias do persoal docente.

O STEG fará unha campaña para animar a nais e pais a obxectar a todos aqueles casos nos que o profesorado de relixión ocupe un cargo directivo ou sexa titora ou titor ou calquera outra función que lle corresponda ao funcionariado docente.

O RD 696/2997 do 1 de xullo estabilizou en todo o estado español ao profesorado de relixión convertendo os seus contratos (de persoal laboral, non docente) temporais en indefinidos. Este RD obrigaba a Galiza e ao resto dos territorios do estado a desenvolver unha orde que levase a cabo este proceso. Con esta orde ao redor de 1000 profesoras e profesores de relixión que son propostos pola xerarquía eclesiástica pasaban a indefinidos ata a súa xubilación.
O xoves 5 de xullo na mesa sectorial de educación de Galiza debateuse o borrador desta orde. Ademais de garantir a estabilidade a este profesorado tal e como manda o RD (aspecto no que non entra o STEG por non ser o lugar para elo), inclúense dous artigos (entre outros) que, segundo a nosa opinión (despois de consultalo xuridicamente) exceden o ámbito das tarefas para as que estas persoas foron contratadas.

EXPLIQUEMOS :

1. o artigo 4 permite que sexan nomeados cargos directivos.

2. o artigo 5 permite que realicen funcións que son propias do persoal docente tales como : titorías, dinamización da convivencia escolar, dinamización da biblioteca...


3. ademais tamén poderían realizar gardas.

A LOE recolle que este persoal laboral (así son os seus contratos, polo tanto NON docentes) só pode impartir a materia de relixión pois a habilitación dada pola xerarquía eclesiástica é exclusivamente para esta función a diferenza do profesorado docente. O persoal docente pasou un proceso selectivo público e en igualdade de condicións que o habilita para as tarefas docentes que realiza (titorías, gardas, dinamizacións...), mentres que a selección do profesorado de relixión non é pública e ademais é subxectiva en función da coincidencia ideolóxica coa doutrina oficial da confesión da que se trate.

Desde o STEG denunciamos que a función tan importante como a titoría (ou as outras) non poden deixarse a persoas que teñen a misión de instruír nos contidos dunha confesión relixiosa concreta. Ademais cando estas confesións se caracterizan pola súas expresións públicas sexistas e homófobas que contradín o espírito da LOE e da materia tan publicitada polo Partido Socialista : a Educación para a cidadanía.

Con esta ORDE a partires de agora na Galiza pode darse o paradoxo de que haxa alumnado que non curse relixión e que teña que acudir a titorias impartidas polo profesorado de relixión. Imaxinémonos os charlas de titoría que pode ter coas nosas fillas e fillos unha profesora ou profesor de relixión cristiá, musulmá, evanxélica ou calquera outra...

Desde o STEG temos claro que esta realidade vai levar a moitas nais e pais a rebelarse contra esta norma máis propia dun estado confesional que dun aconfesional como é o noso, polo que mesmo dubidamos da constitucionalidade desta medida.

Desde o STEG demandamos da consellería de educación que retire os artigos catro e cinco tal e como xa fixemos na mesa sectorial do día 5 xa que contradí o que un goberno progresista debería facer.

De seguir adiante realizaremos unha campaña tanto a nivel nacional galego como estatal denunciando esta concesión do partido socialista aos sectores máis conservadores da sociedade.

Animaremos a todas as nais e pais a denunciar as situacións nas que teñan de titores ou de calquera outra función a este profesorado.

O STEG Xa está a estudar na súa asesoría xurídica o recurso que interporá ante esta orde.

Secretariado Nacional do STEG
xullo 2007