Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA
   Inicio << STEG Opina

A Consellería de Educación concede os mesmos dereitos administrativos ao profesorado de relixión para o concurso-oposición do 2007.
O STEG QUERE DENUNCIAR A POSÍBEL ILEGALIDADE QUE SUPÓN RECOÑECER AO PROFESORADO DE RELIXIÓN OS ANOS DE EXPERIENCIA DOCENTE NESTA MATERIA Á HORA DE PRESENTARSE AO CONCURSO OPOSICIÓN DE ENSINO NON UNIVERSITARIA

Todos e todas as docentes que exercen o seu traballo no ensino público galego pasaron por un proceso de selección (de oposición ou listaxes) que garante a obxectividade da selección e que os sitúa na categoría laboral estipulada segundo a lexislación vixente. E segundo esta categoría e a experiencia adquiren os méritos correspondentes.
Para o STEG este recoñecemento da experiencia docente ao profesorado de relixión supón un trato de favor a un colectivo seleccionado por unha concreta confesión relixiosa ademais de ser unha medida contraria aos principios dun estado democrático e aconfesional. Os motivos que nos levan a rexeitar esta medida, que ademais se levou a cabo case que a escondidas e grazas ás presións dalgunhas centrais sindicais, son os seguintes :

  1. O profesorado de relixión non pasa ningún proceso selectivo obxectivo por parte da administración galega xa que é imposto polo arcebispado.
  2. O profesorado de relixión non forma parte do corpo de profesores de ensino non universitario senón que é persoal laboral.
  3. As/os opositoras/es libres e o profesorado interino teñen que competir en desigualdade de condicións cun persoal non pertencente á administración galega e que obtén o seu posto de traballo con criterios subxectivos.

Desde o STEG seguiremos no camiño de loitar por unha escola laica que pase por sacar a relixión do currículo escolar e denunciaremos estas actuacións da administración e daquelas centrais sindicais, que amparan regulamentos de dubidosa legalidade ou cando menos rexeitábeis desde un paradigma autenticamente democrático.

Secretariado Nacional do STEG
xuño 2007