Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << STEG Opina

GALIZA CONTARÁ CON MÁIS HORAS DE RELIXIÓN QUE AS MÍNIMAS ESIXIDAS POLA LEI

O STEG SOLICITOULLE Á CONSELLEIRA QUE SE OFERTASE SÓ O MÍNIMO ESIXIDO POLA LOE. NESA REUNIÓN A ADMINISTRACIÓN CONFIRMOU QUE SÓ SE OFERTARÍA O MÍNIMO LEGAL.

O pasado 1 de febreiro, na xuntanza mantida por representantes do STEG coa conselleira de educación, esta asegurounos que cumprirían a legalidade ofertando só o mínimo imposto pola LOE. Hai que lembrar que no desenvolvemento da LOXSE, Galiza, xunto con Navarra, eran as únicas comunidades de todo o Estado que estaban por encima do mínimo (en Galiza impartíanse 7 horas cando a LOXSE marcaba un mínimo de 6).

Aínda que agora esa hora que tíñamos demais desaparece, o horario actual non é o mínimo que marca a lei.

Para as comunidades con lingua propia os RD de ensinanzas mínimas establecen que se poderá detraer dunha área un máximo de 35 horas anuais no caso de Primaria e de 70 en ESO.

De aplicarse esta posibilidade a área de Relixión quedaría con 1 hora menos semanal en primaria e 2 en ESO. Estas horas poderían aproveitarse para completar a carga lectiva doutras areas.

A LOE, aínda que non sacou a relixión do ensino tal e como se nos prometera, permite unha maior redución do seu horario. Xa que logo, se a lei o permite, só fai falla altura política para cumprir coa promesa dun goberno progresista. Se non se fai así teremos que asumir que este goberno segue o ronsel do anterior priorizando, sen obriga legal, unha maior carga horaria duns contidos pouco formadores de cidadanía igualitaria e crítica.

Desde o STEG seguiremos a defender un ensino laico, por iso temos recorrido ante o constitucional o decreto de ensinanzas mínimas, e tentaremos por todos os medios ao noso alcance que a área de relixión se reduza ao mínimo obrigado por lei.

Secratariado Nacional do STEG
febreiro 2007