Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << STEG Opina

O STEG, por medio de STEs-i, presenta ante o supremo recurso contra materia de Relixión

Os STES presentaron, con data 8 de febreiro, un recurso ante o Tribunal Supremo contra os 3 decretos que regulan as ensinanzas mínimas de Infantil, Primaria e Secundaria, por considerar que o ensino das relixións tal como aparece regulada na LOE non se axusta aos preceptos constitucionais.

Desde o noso punto de vista, hai suficiente xurisprudencia tanto do Tribunal Supremo como do propio Tribunal Constitucional que avala a neutralidade do Estado fronte ás conviccións ou crenzas da cidadanía e as organizacións confesionais. Malia que o artigo 27.3 da Constitución reflexa "o dereito que asiste aos pais e nais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións", non se pode identificar formación con ensino regulado, e deste dereito non se pode tampouco deducir a existencia dunha materia máis dentro do sistema educativo, que xera ademais obrigacións no alumnado que opta por non recibila.

Así mesmo, cabe engadir a máis que dubidosa constitucionalidade de determinados artigos recollidos nos acordos predemocráticos co Estado Vaticano, de xeito notorio aquel que establece que "a educación que se imparta nos centros docentes públicos será respectuosa cos valores da ética cristiá".

O modelo, en definitiva, que establece a LOE supón renunciar á responsabilidade de educar por parte do Estado, xa que delega unha parte do ensino en entidades relixiosas cuxos fins lexítimos non coinciden, en ocasións, co principio consagrado no artigo 27.2 da Constitución que alude ao "pleno desenvolvemento da personalidade humana no respecto aos principios democráticos de convivencia e aos dereitos e liberdades fundamentais".

Secratariado Nacional do STEG
febreiro 2007

Máis información sobre esta nova