|
SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALIZA | |
| |
| O STEG non asina o acordo por causa da extensión das especialidades de primaria á Educación Infantil Somos conscientes de que o traballo do STEG xunto coas demandas e presións do profesorado galego nos últimos anos fixéronnos chegar a esta mellora. Merece especial mención o Acordo conseguido o 30 de abril polo STEG e outras OOSS, no que comprometeu á Administración a abrir inmediatamente as negociacións sobre o horario lectivo do profesorado de primaria e os catálogos de postos de traballo. Desde o STEG consideramos que a redución da carga lectiva de 25 a 21 h para o corpo de mestres supón un gran avance. Aínda que non se acade a nosa reivindicación histórica de equiparación das condicións laborais entre o profesorado de primaria e o de secundaria, ponnos no camiño de conseguilo. A mellora nos catálogos recolle, en gran medida, as demandas que o STEG levou a esta negociación e congratulámonos da repercusión que seguro terán na mellora da calidade do ensino público galego; porén, temos que facer unha crítica ao escaso incremento do profesorado especialista en atención a diversidade: PT, AL e Orientación. Por todo o exposto, o STEG considera positivo o avance alcanzado, pero o STEG non puido asinar este acordo porque a Administración introduciu no texto, ao final da negociación e por solicitude de algúns sindicatos, a incorporación do profesorado especialista de primaria á etapa de Educación Infantil. Desde o STEG entendemos que hai razóns pedagóxicas para que o alumnado de Educación Infantil estea atendido só por profesorado especialista nesta etapa:
Por todo isto, desde o STEG sempre defendemos que a xusta redución horaria do profesorado de Educación Infantil, como a que se recolle no presente acordo, debe ser cuberta por profesorado de Educación Infantil e non de outras especialidades. Durante estas negociacións o STEG mantívose ata o final reclamando un máximo de 20 horas lectivas, pois o incremento de profesorado respecto ás 21 asinadas era insignificante. Do mesmo xeito conseguimos acadar melloras moi importantes na proposta da Consellaría a respecto dos catálogos. Finalmente, non puidemos asinar por coherencia cos nosos postulados pedagóxicos xa que no acordo recóllese a atención ao alumnado de Educación Infantil por parte do profesorado especialista de primaria e o STEG caracterízase por defender prioritariamente a calidade do ensino antes que calquera reclamación corporativa. Non é moi frecuente que un sindicato deixe de asinar un acordo por cuestións de caracter pedagóxico, pero como en moitas outras ocasións, demostramos que facemos un sindicalismo diferente.
Secretariado Nacional do STEG |