Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << STEG Opina

Esta norma afecta ao Profesorado Técnico de F.P. que non podería presentarse aos procesos selectivos co mesmo título co que foi contratado estes anos
STEG denuncia que, de prosperar o novo rd de acceso, centos de profesoras e profesores galegos non poderán participar nos procesos de oposicións provocando o despido da maioría do profesorado afectado.


En relación ao Proxecto de Real Decreto polo que se aproba o Regulamento de Ingreso e Accesos nos corpos docentes a que se refire a Lei Orgánica de Educación, o STEG e a Confederación de STES-intersindical témonos dirixido ao M.E.C. para lle expor a grave situación na que quedaría o colectivo de Profesorado Técnico de F.P. que só posúe titulación de Técnico Superior de F.P. e Técnico Especialista.

O último dos tres borradores do citado RD supón un grave retroceso nas posibilidades e expectativas de traballo para este colectivo. Neste último borrador, como xa denunciou STEG ante diversas instancias administrativas, contémplase que este profesorado unicamente poderá participar nos procesos selectivos naqueles casos nos que as administracións educativas non levasen a termo as catro primeiras convocatorias de cada especialidade. Nos borradores anteriores contemplábanse catro convocatorias máis a partir da aprobación do actual proxecto de RD.

Como en Galiza xa se realizaron as catro convocatorias en moitas destas familias profesionais, o número de profesores e profesoras afectados será importante e corren o risco de perder o seu posto de traballo sen poder optar a participar nos procesos de oposición.

Desde o STEG e a Confederación de STEs-i, que como é sabido non apoia este proxecto de RD, propuxemos unha vez máis ao M.E.C. que se modifique o proxecto de RD de acceso de tal forma que se volva á redaccións anteriores, permitindo ao Profesorado Técnico de F.P. que só posúe titulación de Técnico Superior de F.P. e Técnico Especialista presentarse aos procesos selectivos coa mesma titulación coa que se lle veu contratando nestes cursos anteriores.

Secratariado Nacional do STEG
febreiro 2007