Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << STEG Opina

O STEG reivindica que Preescolar na Casa siga pertencendo a Educación

O programa que desenvolve Preescolar Na Casa, ten dado mostras máis que suficientes da súa solvencia e do seu reforzamento da escola rural. Na actualidade, tamén se está demostrando a recepción e aceptación que se ten desta filosofía educativa nas cidades. Son cada vez máis as familias que nas zonas urbanas participan e esixen a existencia de Preescolar Na Casa.

Preescolar Na Casa, é por outra banda, unha magnífica escola de nais e pais. Seguramente as familias que participan no programa, á hora de acceder xunto coas súas fillas e fillos á escola regrada, serán moito máis participativas. Elemento este o da participación, que se converte en primordial nos tempos que corren, para que a Comunidade Educativa funcione como tal e con isto, mellore a calidade do ensino.

Podemos, polo tanto, valorar tamén este programa como preventivo de problemas a posteriori no ámbito educativo e tamén sanitario.

Non debemos esquecer, que este programa, ofrece ás familias do rural un servizo que posibilita, que axuda a permanencia das persoas neste medio. Colaboran polo tanto na loita contra o desmantelamento, contra a desertización do rural.

Neste momento, obsérvanse certos movementos -derivados das competencias de cada Consellaría- que parece abren a porta para a saída de Preescolar Na Casa da Consellaría de Educación e O.U. e o seu paso a Vicepresidencia. O motivo é que o ámbito 0-3 anos entra dentro das competencias da Vicepresidencia da Xunta.

No STEG non queremos nin pretendemos entrar nas competencias de cada Consellaría, no é o noso labor, pero si queremos manifestar que entendemos que Preescolar Na Casa debe seguir dentro da Consellaría de Educación e O.U.

Queremos aclarar tamén que este posicionamento non é gratuíto, senón que deriva da propia filosofía coa que desde o STEG entendemos o ensino. Neste sindicato sempre defendemos, incluso saíndo á rúa como fixemos coa Lei de Calidade (LOCE), o carácter educativo do tramo 0-6 anos. Carácter ademais recuperado coa aprobación da Lei Orgánica de Educación (LOE) actualmente vixente.

Por último, dicir que este é o motivo que nos leva a defender esta proposta, defensa que faremos nos órganos competentes se esta medida vai adiante. Calquera outra medida, como a súa saída da Consellaría de Educación e O.U., sería interpretada como o abandono do recoñecemento do carácter educativo deste tramo e polo tanto unha volta atrás, unha volta á LOCE en canto a considerar este tramo de idade como asistencial.

Secratariado Nacional do STEG
xaneiro 2007