Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << STEG Opina

Os centros necesitan medidas educativas, non policias

Ante a notica aparecida na prensa relativa a que o PSOE propón que se asigne a cada centro educativo un policia municipal para integralo no centro e no seu consello escolar, desde o STEG, queremos dicir que esta proposta contribúe a levar á sociedade a idea de que a violencia está en aumento nos centros educativos, cando a realidade, segundo a investigación realizada polo Defensor do Pobo, é que a violencia diminuíu nos últimos anos.

Desde o STEG queremos dicir que o que se necesita nos centros educativos non son policias, non son ocorrencias, son medidas educativas para mellorar o ensino e a convivencia. É necesario que as medidas que se vaian a tomar se negocien coa comunidade educativa; desde o STEG propomos:

  • Reducir as ratios (número de alumno por clase); non se pode manter o número de alumnos e alumnas en cada aula que fai 30 anos.
  • Introducir nos centros escolares novos perfís profesionais, como traballadores/as sociais, educadores/as sociais, mediadores/as escolares, coidadores/as e acompañantes..., que traballen a integración dos/as escolares con dificultades na dinámica escolar e a relación das familias cos centros educativos e actividade educativa.
  • Mellorar a formación inicial e continúa específica do profesorado, para que poida afrontar problemas relacionados coa convivencia e a violencia escolar.
  • Realizar proxectos de formación de pais e nais para mellorar a convivencia. Constituir e dinamizar escolas de familias, que mediante programas continuados aborden a formación e a xestión dos problemas de convivencia familiar, que se reflicten e teñen un paralelismo na convivencia escolar.
  • Dinamizar espazos de encontro familia-escola, que permitan elaborar pautas educativas coordinadas de traballo na familia e na escola.
  • Impulsar programas de prevención e resolución de conflitos en todos os centros educativos.
  • Dinamizar proxectos e programas estábeis para o fomento da convivencia saudábel con respaldo institucional, orzamentario e de recursos humanos e profesionais suficientes.
  • Promocionar o valor social do traballo docente.
  • Elaborar proxectos de estruturación dos espazos de recreo e propostas lúdicas de uso dos tempos de recreo na escola e de lecer fóra dela, coa implicación de axentes educativos e sociais neles.

En resumo, o STEG considera que é necesario que se remate coa masificación dos centros, cos barracóns e cos macrocentros que só serven para aumentar os conflitos nas escolas e institutos, que se dote aos centros de máis medios humanos e económicos para facer posíbel o seu labor educativo e que a polícia se dedique a cumprir a súa función fóra dos centros escolares.

Sinalar, por último, que a integración que se propón dos policias nos Consellos Escolares necesita a modificación da Lei Orgánica de Educación, lei que non permite esta integración e que se aprobou fai menos dun ano.

Secratariado Nacional do STEG
febreiro 2006