Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << STEG Opina

Adxudicación de destinos provisionais. O caos

O 28 de xuño a Consellaría publica unha orde de adxudicación de destinos provisionais para o curso 06-07. Esta novidade, que xurdía coa intención de facilitar e axilizar o proceso tanto para persoas funcionarias coma para interinas e substitutas e que afectaba a máis de 4000 docentes,converteuse nun cúmulo de despropósitos.

Á complexa redacción da orde tivemos que sumarlle as contraditorias informacións que se facilitaban tanto desde a Consellaría coma desde as Delegacións, así como a imposibilidade de entregar a petición escrita e os poucos días para facelo, o que supuxo a saturación da aplicación informática. Ante a angustia e a desinformación que xerou no profesorado obrigado a facer a petición, o STEG organizou reunións informativas en todas as súas sedes, e puxo todos os seus recursos materiais e persoais para axudar aos afectados ( consultas telefónicas, consultas na web, ordenadores e sedes ...).

Pero non acabaron aí as sorpresas xa que algúns docentes tiveron que interromper as súas vacacións ao encontrarse coa 1º resolución, na que mestres con dez anos de servizo quedaban sen praza e outros con dous meses traballados tiñan praza todo o ano. Así que moitos tiveron que volver de alí onde se atoparen para formalizar a súa queixa na Consellaría. Unha representante do STEG presentouse na Subdireción Xeral ao día seguinte á adxudicación e reuniuse co Subdirector Xeral de Educación, quen lle explicou que o erro da Consellaría estivo en varios puntos: que ao xestionar as peticións entenderon EP como especialidade de 1ª fase (cando non o dicía así a convocatoria), e que, o por outra banda, o profesorado interino e substituto tiña, segundo a convocatoria, que facer a petición atendendo a 1ª e 2ª fase cando neste grupo non existen fases polo que o erro, neste caso, xa viña da redacción da convocatoria. En resumo : a consellaría erra no inicio do proceso ao redactar unha orde que nin eles entenden, e despois fai unha adxudicación contraria á propia orde.

Recoñecidos os problemas, a solución que se propuxo foi abrir un novo prazo no que se poderían modificar as peticións, xa que as presentadas estaban feitas en base a informacións erradas. Esto deu lugar a unha nova adxudicación o día 4 de setembro coa conseguinte inquedanza e incertidume que provocou no profesorado.

Poidemos comprobar que o desastre de adxudicación non mellorou co tempo, xa que temos o exemplo de secundaria, onde este mesmo curso a día 20 de setembro aínda non saira a adxudicación de todas as especialidades co que o curso se iniciou sen o profesorado necesario:¿onde está a calidade de educación?. Por non falar do profesorado que fixo a toma de posesión o día 14 facéndoselle asinar contrato con data de 20, pero ese xa é outro tema...

Se fixésemoss un símil e imaxinásemos que as notas do alumnado galego tivesen erros que levasen a aprobar aos suspensos e a suspender aos aprobados, sería seguro o inicio, por parte da Administración galega, dun macroproceso de expedientes disciplinarios. Pensamos que xerar a ilusión do traballo nun grande número de persoas necesitadas del, e ao mesmo tempo, provocar a ansiedade da perda do posto de traballo a compañeiras con moitos anos de servizos prestados ao ensino galego debe ter, como mínima consecuencia, a DEPURACIÓN DE RESPONSABILIDADES POLÍTICAS DOS CULPÁBEIS DUN ERRO TAN GRAVE. A tal efecto, o STEG presentou unha carta, o día 21 de setembro, dirixida á Conselleira de Educación para que asuma a súa responsabilidade e actúe en consecuencia.

Secratariado Nacional do STEG
setembro 2006