Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << STEG Opina

Os orzamentos de educación están entre os máis baixos da nova administración galega
Os orzamentos da Xunta medran en torno ao 9% e os de Educación só un 8%

O orzamento que este novo goberno progresista dedica á educación pasa do 8% ao 8,3% quedando moi por debaixo da media doutras consellarías. Como exemplo das diferenzas entre Consellarías Política Territorial ou Vicepresidencia medran un 11.4 e un 11 % respectivamente fronte ao 8,3% da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

Unha breve análise destes datos lévanos a pensar que seguimos a ter uns orzamentos continuístas na medida en que se priman as infraestruturas viarias e as políticas asistenciais fronte ás políticas educativas, sanitarias e de desenvolvemento socioeconómico que promovan a autonomía social.

De todos e todas é coñecido o exemplo de Irlanda onde a aposta por un sistema educativo público de calidade que mellorou notablemente as condicións sociais e económicas deste País. É difícil de comprender como tendo un exemplo tan perto de nós os nosos gobernantes ollan máis para o goberno conservador do pasado en lugar de fixarse en experiencias tan interesantes como a irlandesa.

Todos os progresistas agardabamos uns orzamentos de verdadeiro cambio que consistirían en aforrar onde o PP despilfarrou : en macroobras públicas, en fundacións, en subvencións á concertada, á medicina privada.... E en lugar de facer isto, contense o gasto na educación pública e en sanidade mantendo as subvencións á concertada, o que supón manter a subvención aos grupos privados, e, en concreto, a Igrexa. Non é de recibo apenas incrementar os orzamentos ao ensino público, cando este é deficitario. A primeira medida para recuperalo é a de deixar de subvencionar a Igrexa, incrementar os orzamentos e cadros de persoal, e mellorar o conxunto das instalacións.

Os orzamentos deste ano non servirán para a solución dos problemas que ven arrastrando o ensino público galego e que merman a calidade da actividade das nosas profesoras e profesores : a perda do poder adquisitivo, a precariedade do profesorado interino, o incremento de cadros de persoal con especial atención á orientación e educación social que melloren a convivencia dos centros, programas de coeducación, redución de xornada para os maiores de 55 anos, transporte, servizos de comedores...

Desde o STEG consideramos imprescindíbel un cambio na concepción da política educativa xa que este goberno segue preso da ideoloxía neoliberal que interpreta a educación como un gasto e non como un sector estratéxico xerador de riqueza social especialmente en termos de xustiza social.

Secratariado Nacional do STEG
xaneiro 2007