|
SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA | |
| |
| Oposicións de ensino: o desastre anual Remata o mes de xullo coa avalancha de queixas dos opositores e opositoras, como todos os anos; non hai resposta a ningunha das súas reclamacións, como todos os anos; os membros dos tribunais din que recibiron ordes dos presidentes, como todos os anos, os presidentes que recibiron ordes da Consellaría, como todos os anos. Como todos os anos, centos de persoas ven esfacharse o seu esforzo e as súas ilusións contra un sistema de selección de persoal supostamente obxectivo e que respecta os principios de igualdade, mérito e capacidade das persoas aspirantes. Pero a realidade é que non é ningunha destas cousas e sobre todo grazas a que os tribunais (xa sexa por vontade propia ou propulsados por unha forza descoñecida) seguen empeñados en elixir ás persoas que deben obter unha praza de funcionaria de carreira, cando o seu único - e non pouco importante- cometido é o de valorar os coñecementos das persoas aspirantes na fase de oposición. Conste que coidamos fundamental o labor dos vogais e recoñecemos o seu traballo como o único xeito de facermos estes procesos o máis democráticos e xustos posibles. O que pretendemos dicir é que os tribunais non teñen que suspender a máis do 90% na primeira proba para axustar as prazas na segunda proba. Suspender aprobados ao principio para ter que aprobar suspensos, nalgúns casos. Como todos os anos. Esta historia repetida xa nos tiña insensibilizados e debeu de ser por isto, para avivar as nosas conciencias, que nesta última convocatoria a Consellaría introduciu dúas novidades que viñeron a acrecentar as dimensións do desastre. Podemos concederlles o beneficio da dúbida de que o fixeron precisamente para evitar isto que agora denunciamos, se así foi, pecaron de inxenuidade e non mediron o alcance que o poder da inercia de anos e anos falseando o chamado concurso-oposición pode ter. A primeira delas foi non repartir as prazas entre os tribunais en función dos presentados ao primeiro exame, senón ter unha comisión única para toda Galicia á que chegarían as notas de todos os tribunais. Mirado por profanos pode que pareza que así se evita o cálculo de aprobados por praza en cada tribunal, nada máis lonxe da realidade, esa comisión única impediu xa de por si que ningún tribunal aprobase na fase de oposición a máis opositores que prazas: a comisión de presidentes repartiu salomonicamente as prazas, en caso contrario corríase o risco de que un tribunal xeneroso coas súas notas as levase todas. Exemplo de resolución cooperativa dun conflito. Pode que non tivesen moita intención de facer outra cousa, pero efectivamente non lles deixaban moitas opcións. A segunda xa só serviu para rematar o desaguisado e foi a idea de ter que sacar as notas diariamente, algo que podía parecer positivo para evitar componendas de última hora pero que xunto coa medida anterior resultou nefasta. Xa non había só que poñerse de acordo nas prazas que cada tribunal tiña, senón tamén en cantos había que aprobar cada xornada, independentemente de que !cousas do destino! os mellores exames fosen todos o mesmo día. Ante todo este cúmulo de despropósitos
desde o STEG esiximos da Consellería que de cara a próximas
convocatorias garanta que as presidentas e presidentes elixidos por
ela cumpran escrupulosamente a convocatoria, lembrándolles que
se trata dun concurso-oposición onde o que teñen que facer
é simplemente cualificar unhas probas esquecéndose da
parte de concurso que se debe resolver noutra instancia. E aínda
que poida parecer contraditorio, dado o arraigado da cultura do tribunal
omnipotente, repartir as prazas previamente entre os tribunais, para
que non acabe sendo peor o remedio que a enfermidade.
Secratariado Nacional do STEG |