Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << STEG Opina

O STEG considera que a gratificación por xubilación anticipada é outro engano ao profesorado

O Consello de Ministros aprobou na súa última reunión (26 de xaneiro) un Acordo que regula as gratificacións extraordinarias dos mestres e profesores non universitarios que se acollan á xubilación voluntaria anticipada despois de, polo menos, vinte e oito anos de servizos. O Acordo estabelece que as gratificacións se actualizarán un 5 por 100 anual durante os cinco anos que dura o período de aplicación da Lei Orgánica de Educación (LOE), un 25 por 100 en 2011.

Este Acordo supón que o MEC volve a enganar ao profesorado co silencio ou/e a complicidade dalgúns sindicatos, pois o comprometido era unha suba do 25% para este ano e non para dentro de cinco.

Nin o MEC nin os sindicatos asinantes cumpren o prometido: o compromiso estabelecido no acordo MEC-Sindicatos de 20 de outubro de 2005, que serviu para que o MEC dixese que a LOE contaba co apoio dos sindicatos que o firmaron (UGT,CCOO e CSIF), estabelecía unha suba do 25% para as gratificacións por xubilación anticipada, sen especificar ningún tipo de prazo, entón –e así se “vendeu” polos asinantes- se subiría este ano un 25%, sen prazos nin dilacións. O STEG, no seu momento, posicionouse en contra tanto dese vergoñento acordo que empeoraba, como agora se demostra, as condicións sociolaborais do profesorado, como da LOE.

A realidade é que, contemplado punto por punto, é unha evidencia que o acordo subscrito no 2005 non foi máis que unha ferramenta propagandística para arroupar unha nova lei, a LOE, que non introduce mellora algunha nin para o profesorado nin para a escola pública no seu conxunto. Un papel mollado que, igual que pode ocorrer co proxecto de estatuto docente se non se modifica substancialmente o seu contido, introduce ademais elementos arbitrarios na avaliación e remuneración do profesorado.

Secratariado Nacional do STEG
xaneiro 2007