Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << STEG Opina

Novo decreto para a promoción do galego no ensino
O STEG lamenta o recorte horario, a respecto do primeiro borrador, sobre as materias a impartir en galego

No decreto definitivo xa non se contempla que o galego sexa a lingua de aprendizaxe da lectoescritura

Do punto de vista pedagóxico, unha das cuestións máis salientábeis para a recuperación do noso idioma era a obrigatoriedade da aprendizaxe da lectoescritura en galego. Parécenos que recuar neste punto, cedendo ante as presións da dereita, é unha mala nova para a nosa língua.

Tamén lamentamos que se rebaixen do 60% ao 50% as materias para impartir en galego, cumprindo só co mínimo esixido polo plan de normalización lingüística do parlamento.

En todo caso, coidamos que non deixa de ser pasmoso o feito de que se nos venda, máis unha vez, o bilingüísmo harmónico no ensino ( despois de todos estes anos de goberno-fraga), como fórmula máxica de convivencia entre linguas na escola.

Pensamos, ademais, que –no galego- unha cousa é a teoría e outra a práctica polo que haberá que estar pendentes do interese por velar polo seu cumprimento; eiva fundamental do Decreto de Normalización Lingüística do 95 nunca aplicado no seu conxunto. Por outra banda seguimos a agardar polo dereito das familias urbanas a escolarizar aos seus fillos e fillas en galego.

Porén, non queremos deixar de mostrar a nosa disposición a apoiar calquera mellora que serva para potenciar a nosa língua.

Recoñecemos o esforzo por chegar ao consenso, mais non debemos esquecer que o decreto debe ser de mínimos e que é unha obriga deste goberno, contraída coa cidadanía, seguir a dar pasos máis ambiciosos para afianzar dunha vez por todas o uso do galego entre as/os cativas/os e a xente nova deste país.

Secratariado Nacional do STEG
marzo 2007