Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << STEG Opina

HORARIOS E GARDAS NO CEIP ADR CASTELAO

O profesorado do CEIP ADR CASTELAO DE ORDES, está sendo obrigado a realizar desde o inicio deste curso gardas fora do horario lectivo de atención ao alumnado.

O Regulamento de Réxime Interior deste centro, aprobado polo Consello Escolar a pesar de ser votado en contra polo Claustro, establece que o horario de apertura das súas instalacións será desde ás 8.50h., momento a partir do que o alumnado pode acceder ao recinto escolar que estará atendido polo profesorado de garda, o equipo directivo ou polo servizo de conserxería.

En consecuencia establecéronse turnos de garda do profesorado entre as 8,50h e as 9.00h., incluso nos meses de xuño e setembro, tempo que se lles computa dentro do tempo de obrigada permanencia no centro.

O profesorado do centro púxose en contacto con todos os sindicatos de ensino para procurar a opinión e asesoramento sobre o que consideran unha vulneración dos dereitos sociolaborais, que ten ademais importantes consecuencias na convivencia e relacións no centro escolar.

No STEG consideramos que se trata dun problema serio, porque ademais de vulnerar os dereitos sociolaborais cuestiona a función docente/pedagóxica do profesorado. Ademais, esta práctica pode extenderse a outros moitos centros, e incluso quedar recollida no Regulamento Orgánico de Centros (ROC).

Consideramos que, ante esta situación solo cabe a unidade sindical e por iso, trasladamos este problema á primeira reunión da Xunta de Persoal Docente de A Coruña para abordar co Delegado Provincial o próximo mércores día 7 de marzo.

O STEG ofrece ao profesorado deste centro todo o apoio e asesoramento e ademais, promoverá e sumárase ás iniciativas conxuntas realizadas para defender os dereitos sociolaborais do profesorado.

Secratariado Nacional do STEG
marzo 2007