Inicio STEG
SINDICATO DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA
   Inicio << STEG Opina

O MEC pretende silenciar á comunidade escolar no Consello Escolar do Estado

O Consello Escolar do Estado (CEE) é o máximo órgano consultivo do Goberno do Estado en materia educativa; creouse en 1985, a través da LODE, e desde entón non se variou a súa composición; agora o MEC pretende cambiar esta composición e a forma de funcionar, pretenden refundar o CEE e, ao mesmo tempo, tratar de silenciar á comunidade educativa dentro deste órgano.

Pretenden facelo de dúas formas, a primeira, aumentando moito a representación que dunha forma ou outra escolle o MEC; o Consello pasaría de 80 membros a 105 e estes novos 25 membros son afíns completamente ás administracións educativas, ningún é electo pola comunidade educativa (profesorado, pais e nais, alumnado e persoal non docente), diminuindo así a representación desta comunidade. A segunda é obrigando a que todos os Conselleiros e Conselleiras leven as súas propostas sobre o tema que se debata á Comisión Permanente e se non obteñen unha porcentaxe –por concretar- de votos, non pasan ao Pleno. Isto supón que se poderán votar propostas nun órgano no que non está presente a organización que a presenta e que esta non terá oportunidade de defender as súas propostas ante o Pleno.

Por outro lado, sinalar que o MEC pretende crear unha Comisión Territorial, na que estarían todos os presidentes dos Consellos Escolares autonómicos, que por graza da LOE, forman parte do CEE, e os catro representantes da asociación máis representativa dos concellos. Esta Comisión, que conseguiu o rexeitamento unánime e acordado de todas as organizacións que forman parte do CEE, pretende ser unha Comisión Permanente paralela que debata e sentencie todos os asuntos que son competencia da Permanente.

Para a STEG é necesario que, na reformulación da composición do CEE, a comunidade educativa do ensino público e privado estea representado en función do que realmente representa cada unha no sistema educativo do conxunto do Estado. Actualmente a representatividade é dun 60/40, cando a realidade é que debería ser 70/30, que é o que reivindicaremos no proceso de debate e achegas.

Tamén defendemos que o voto da comunidade educativa no seu conxunto non perda o valor porcentual que actualmente ten ante o aumento de representantes electos, dunha maneira ou outra, polas administracións. Non é de recibo que o MEC pretenda que pase de 44 sobre 80 a 44 sobre 105.

A voz das organizacións que non estean na Comisión Permanente tamén debe ser escoitada no Pleno, polo que defenderemos que se poidan levar propostas ao Pleno que non pasaron pola Permanente, doutra forma se perdería pluralidade e se restaría democracia ao funcionamento do CEE. Só así os problemas específicos da Comunidade Educativa Galega poidan ser escoitados e defendidos neste órgano. Outra vez, por desgracia, comprobamos unha reforma cun carácter centralista e uniformador.

En definitiva, que o STEG a través da Confederación de STES-i vai traballar para que non se consiga silenciar á comunidade escolar; para que non se silencie a voz do profesorado, representado no CEE a través dos seus sindicatos; para que o CEE poida sobresaltar de vez en cando á administración educativa coas súas propostas.

Secratariado Nacional do STEG
setembro 2006