|
SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA | |
| |
| O STEG rexeita as modificacións introducidas no calendario escolar do vindeiro curso Ante modificacións introducidas no Calendario Escolar presentado pola Consellaría de Educación para o curso 2007-2008 desde o STEG queremos manifestar que non estamos de acordo coa política que se vén seguindo desde a Consellaría, iniciada xa co anterior goberno, de ir incrementando cada ano os días lectivos. Neste caso, ao implantar a xornada completa nos meses de setembro e xuño, estanse aumentando en realidade 27h no cómputo global de horas lectivas, aínda que aparentemente se reduza un día no calendario escolar. Isto responde ás demandas sociais de garda e custodia dos menores nunha sociedade que non recoñece a importancia da maternidade/paternidade nin aplica leis de conciliación da vida familiar e laboral. Desde o STEG consideramos que a escola non é quen ten que resolver esta problemática social aumentando os horarios lectivos. Galiza é a comunidade do Estado que máis días lectivos ten na actualidade en educación primaria. O horario lectivo do alumnado ten que planificarse en función de criterios pedagóxicos e de capacidade e ritmo de aprendizaxe das nenas e nenos atendendo ás características evolutivas de cada idade e non tentando cubrir o tempo de traballo das nais e os pais. Toda a sociedade debe reflexionar sobre a importancia
da atención ás nenas e nenos, e isto pasa por deseñar
políticas de protección social que racionalicen os horarios
de traballo, que proporcionen axudas ás familias e que oferten,
cando isto non sexa suficiente, servizos para a atención das
crianzas. Pero isto non se pode confundir coa actividade académica
da educación formal. Aumentar sen planificación a carga
lectiva do alumnado só porque non se aportan outras solucións
conduce unicamente a degradar a actividade escolar e prexudicar gravemente
a calidade do ensino. Secratariado Nacional do STEG |