|
SINDICATO
DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO ENSINO DE GALICIA | |
| |
| A aposta
da consellaría polo galego: covarde e miserenta Decepcionante, miserento, covarde,... e un sinfín de adxectivos aínda máis duros merece a Circular da Consellaría que pretende, din, impulsar o uso do galego. A circular leva como título “Convocatoria de accións para a potenciación do ensino en lingua galega na educación infantil (3-6 anos) da D.X. de Ordenación e Innovación Educativa e da S.X. de Política Lingüística” e remitiuna o 26 de maio aos centros. Na mesma inclúense os requisitos de “contar co compromiso do profesorado implicado no proxecto; a autorización dos pais, nais ou titores do alumnado implicado; o acordo do Claustro e a aprobación do Consello Escolar; e contar con alumnado suficiente para a composición dun grupo, sen que supoña ningún incremento no número de unidades”. Nos últimos tempos atopámonos con políticos que abusan do galego ao instrumentalizalo como unha mera estratexia electoral e danse a volta e falan en español. Nesta galería de despropósitos leva a palma a aplicación da consabida Lei de N.L., lei consensuada por todos os grupos políticos, mais que ninguén reparou no seu reiterado incumprimento. Proba disto é a baixa de falantes de galego entre a xente nova deste país. O STEG agardaba do novo goberno unha aposta decidida e firme que situase á nosa lingua no lugar que se merece e sorpréndenos cunha Circular tan cativa que non afectará nin ao 2% do alumnado galego. Para poder ofrecer a dobre vía, é preciso
tal cantidade de papelexo administrativo que mesmo semella un atranco.
Estas trabas administrativas constátanse coa evidencia de que
algúns centros non poderán impartir as aulas en galego
a pesar de que 15 familias tiñan ese interese. Vai ser esta a
aposta da Consellaría pola lingua?. E no rural? Tampouco a Administración
vela polo cumprimento da lei que obriga ao ensino na lingua materna
maioritaria do alumnado. Cando se cumprirá a obriga de impartir
como mínimo un 50% do tempo en galego en Primaria? Desde o STEG
denunciamos esta situación que ten como causa a desidia e falta
de interese da anterior administración. Seguirá este goberno
o mesmo camiño? As boas palabras da Conselleira afirmando “continuar
e expandir” o ensino en galego de novo nos parecen máis
fume para consumo dos medios de comunicación. Secratariado Nacional do STEG |