| CALENDARIO ESCOLAR CURSO 2007-2008
Aclaracións da postura de STEG ante a imposición da Consellaría
Diante da situación creada pola Consellería
de Educación ao modificar de xeito unilateral o calendario escolar
eliminando a xornada reducida nos meses de setembro e xuño, que
leva funcionando de xeito satisfatorio desde hai máis de 30 anos,
o STEG quere deixar clara a súa postura diante do todo o profesorado.
Resumo do acontecido:
-
Ante a proposta da Consellaría de modificación
do calendario escolar para o vindeiro curso o STEG sae aos medios
de comunicación rexeitando as modificacións introducidas.
Por unha banda por modificar as condicións laborais do profesorado
e por outra, e máis importante se cabe, por que sinceramente
pensamos que é prexudicial para a calidade do ensino.
Para máis información ver o noso artigo
de opinión ao respecto.
-
Todas as organizacións sindicais presentes
na Mesa Sectorial (lembrar que o STEG, por cuestións administrativas,
aínda non está presente en dito órgano) rexeitan
a medida e asinan un documento conxunto solicitando retomar o tema
e ameazando con mobilizarse. O STEG en ningún momento foi
chamado polos demais sindicatos para apoiar esta medida.
-
Rómpese a unidade sindical, a CIG por
un lado e ANPE, CCOO, CSIF e UXT por outro.
- O STEG decide acudir á convocatoria da CIG o martes
17 de abril e presentarse na rolda de prensa das outras organizacións
co obxectivo, nas dúas reunións, de percurar a
unión sindical. A CIG e o STEG deciden convocar a todas
as OO.SS a outra reunión para o día 18 de abril
á cal só asisten STEG e CIG.
- Despois de ver a dificultade para a unidade de acción
decidimos convocar folga coa CIG o 3 de maio e apoiar toda mobilización
que procure os mesmos obxectivos.
- Por elo apoiamos as mobilizacións convocadas pola
plataforma , non sen antes, intentar facerlles ver que era mellor
ir todos xuntos e unirse á folga xa convocada polo STEG
e a CIG.
-
Non imos entrar nós a valorar quen ten
máis ou menos culpa, simplemente lamentar a desunión
sindical fronte a un tema de tanta transcendencia para o ensino.
Non nos parece de recibo que en temas nos que todos estamos de acordo
sexan cuestións de forma, unha vez máis, as que nos
leven á desunión, por iso demandamos de todas as organizacións
ese pequeno esforzo para demostrar ao conxunto do profesorado que
o que realmente nos interesa é una escola pública
de calidade.
-
Como isto non parece posible, decidimos participar
activamente en todas as mobilizacións convocadas a prol de
parar esta medida, tanto con uns como con outros. Desde o STEG queremos
deixar claro que a nosa loita é contra o decreto da administración
e polo tanto seguiremos a traballar para conseguir a unidade sindical.
Se a Consellaría non muda a súa postura
no que resta de curso, o STEG non dará por perdida esta loita.
No mes de setembro, xunto con todas as organizacións sindicais
que así o desexen, e por suposto co apoio do profesorado, trataremos
de continuar coas mobilizacións. Folga indefinida polas tardes
en setembro, un día de folga á semana..., e todas aquelas
medidas que conxuntamente decidamos.
Secretariado Nacional do STEG
abril 2007 |